Escoitar

O rexedor sitúa a Vigo como “capital do tenis mundial” co Vigo Tennis Open

O alcalde presentou hoxe o Vigo Tennis Open, torneo internacional para categoría sub-18, masculina e feminina, que o complexo deportivo municipal de Samil vai acoller do 8 ao 15 de outubro.

xoves, 28 set 2023

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o Vigo Tennis Open, torneo internacional para categoría sub-18, masculina e feminina, que o complexo deportivo municipal de Samil vai acoller do 8 ao 15 de outubro, como así foi tamén en 2021 e 2022, sempre co patrocinio do Concello. O xefe do goberno municipal situou este evento na categoría de “núcleo xerador de actividade deportiva, de ocio e económica” pola súa calidade e pola alianza público-privada no mesmo.

A organización, liderada por Manuel Álvarez, “Noli”, coordinador do mesmo, e Fernando del Barrio, mánager xeral, incidiu na relevancia dunha competición que é o paso previo ao profesionalismo e que pertence ao “circuíto mundial de tenis júnior máis importante”, co valor engadido das “sinerxias co seguinte campionato”, en Sanxenxo a seguinte semana, o que supón unha oferta “moi atractiva” para as e os principais xogadores destas idades, dixo “Noli”.

O torneo contará cun cadro de 32 xogadores e outro do mesmo número de xogadoras. Nos cadros principais xa hai tenistas confirmados de dezasete países, que probablemente superen as trinta nacionalidades cando estean fixados os cadros da “qualy”, as roldas previas dos días 8 e 9.

Para o alcalde, Abel Caballero, non hai dúbida: “Vigo é a capital do mellor tenis mundial. Isto é excepcional e non é ningunha esaxeración ese lema”. O rexedor agradeceu o traballo da organización para conseguilo e tamén a presenza do patrocinio privado (El Corte Inglés, Centro Comercial Vialia e Grupo CdeC, parte activa da presentación) porque “estamos na cidade da economía e da empresa”. Caballero sabe que estes eventos son tamén importantes “porque xeran tamén deporte de base”, a oportunidade para outros de “ser os grandes Alcaraz do futuro ou simplemente para facer deporte”.

O Vigo Tennis Open comezou en Vigo en 2021 pero xa ten bagaxe: por Samil pasou Mirra Andreeva, “récord de vitorias en torneos profesionais este ano ou tres números 1 do mundo como o mexicano Rodrigo Pacheco, o belga (a mellor instalación municipal de tenis do noso país), o mexicano0 Rodrigo Pacheco, o belga Gilles Arnaud Bailly e o español Martín Landaluce, campión do Open USA júnior, indicouse dende a organización, que avanzou que o extenista Albert Costa será o padriño este ano.

Descargar todas as imaxes