Escoitar

O goberno municipal aproba convenios con diferentes asociacións por valor de 50.000 euros

O alcalde deu conta dos convenios de participación cidadá aprobados na última Xunta de Goberno Local, no que se inclúen subvencións a 7 asociacións viguesas.

martes, 5 set 2023

Abel Caballero informou esta mañá da aprobación de sete convenios con asociacións da cidade.

O primeiro deles coa Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de Bouzas que recibe unha subvención de 16.000€, co obxectivo, entre outras tarefas, de fomentar a cultura mariñeira e desenvolver actividades que conduzan a un maior coñecemento das artes pesqueiras artesanais. A Asociación de Amas de Casa e Consumo “AGARIMO”, percibirá 13.000€ para cubrir os gastos de mantemento e alugueiro do local social no que desenvolven as actividades.

Tanto a Asociación Galega de Amigos do Rocío de Vigo como a Entidade Saúde Mental “FEAFES Galicia”, contan cun convenio para gastos de mantemento e alugueiro do local social no que desenvolven as actividades por valor de 5.000€. Para a Asociación de Persoas Xordas de Vigo o convenio contempla un importe de 4.479€ para a contratación dunha intérprete de lingua de signos, para a realización de actividades da entidade.

Finalmente, o Concello de Vigo concede dúas subvencións, á Asociación de Xubilados e Pensionistas “Villa Galicia” e á Asociación Novas Empresarios de Vigo, para gastos de mantemento e alugueiro do seu local, por valor de 4.000€ e 3.600€, respectivamente.

Descargar todas as imaxes