O pleno aproba a transformación urbana do tramo entre Navia e a rúa A Cañiza
A corporación deu luz verde á aprobación definitiva do Plan Especial da UE II-04 Industrial de Santo André de Comesaña cos votos favorables do Grupo Socialista e a abstención da oposición.
O pleno da corporación municipal aprobou de forma definitiva o Plan Especial da UE II-04 Industrial de Santo André de Comesaña. Con esta actuación, permítese mellorar a paisaxe urbana entre Navia e a rúa A Cañiza, segundo explicou a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride.
Caride explicou que non houbo alegacións ao proxecto e todos os informes sectoriais, tanto do Estado como da Xunta, foron favorables. A transformación abarca máis de 28.700 metros cadrados e mellorará a situación dos terreos e suporá mellorar permeabilidade para o paso da cidadanía: “Haberá aparcamentos, edificacións que non superen os 15 metros de altura para evitar novas barreiras e mellórase así unha zona de tránsito cara ao paseo do Lagares”, informou no pleno.
Pola súa banda, o Grupo Nacionalista lamentou que o goberno local poña “parches” en lugar de ter en vigor un Plan Xeral de Ordenación Municipal. A tenente de alcalde lembrou que a tramitación dun PXOM “é larga” e que se están a desenvolver actuacións en ámbitos da cidade con todas as normativas vixentes: “Xa sabemos que o BNG non quere que a cidade continúe o seu desenvolvemento. Vímolo coa ampliación do IFEVI, o Vialia, e farán o mesmo con outras dotacións como a Biblioteca do Estado”, lamentou Caride no seu peche de intervención. Por outra banda, o Partido Popular decidiu non intervir e abstívose, ao igual que o BNG.