As persoas maiores de 65 anos poden inscribirse xa no programa de envellecemento activo
“Vigo, cidade amiga dos maiores” suma 7.500 prazas de talleres, cursos, actividades de lecer, dixitalización e mesmo paseos en barco ata finais de ano. A participación pode solicitarse a través do teléfono 010 ou das asociacións e oficinas de distrito nas que se desenvolven as actividades.
O alcalde informou en rolda de prensa este luns da apertura do prazo de inscrición nas diferentes actividades do programa de envellecemento activo “Vigo, cidade amiga dos maiores”, que se estenderá ao longo de todo o ano, e que inclúe as actividades orientadas á estimulación cognitiva, actividade física, lecer e adquisición de competencias.
Cun orzamento de case un cuarto de millón de euros, o programa municipal ofrece un total de 7.500 prazas dende maio a decembro co único requisito para participar de ter máis de 65 anos e estar empadroado en Vigo. A inscrición pode facerse a través do 010 ou das asociacións veciñais e entidades rexistradas no programa.
Tal e como explicou Caballero, o 2 maio comezan as actividades da primeira fase do programa, para as que se ofertan 800 prazas e, nos meses de maio e xuño, convocaranse as 6.700 novas prazas de roteiros pola ría e actividades ao aire libre nas prazas da cidade.
“Vigo, cidade amiga dos maiores” programa este ano talleres e cursos en centros cívicos, asociacións veciñais e ao aire libre con actividades de lecer saudable (estimulación cognitiva, ximnasia…); dixitalización e competencias dixitais (desde o uso dun móbil ata trámites en liña con administracións); actividades de lecer: paseos pola ría en barco para o que haberá 2.500 prazas, saídas organizadas con monitores a distintas actividades lúdicas como teatros, cinema, museos; excursións fóra da cidade de Vigo para as que o Concello asumirá autobuses e monitores de acompañamento. Amais, desde o mes de xuño e durante todo o verán, as actividades desenvolveranse nas principais prazas da cidade: Alameda de Bouzas, Praza da Miñoca, Praza da Independencia, Peonil do Calvario ou a Praza do Mercado de Teis.