O Boppo publica as bases do Vigo Emprega 2023
Abel Caballero informou da publicación das bases do Programa de Emprego Municipal, dotado con 1,5 millóns de euros, que marca o inicio do procedemento para a contratación de 75 persoas da cidade.
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica este xoves as bases do Vigo Emprega 2023 que permitirá contratar a 75 persoas, que se suman ás 75 que xa están contratadas nestes momentos. Os contratos asinados ao abeiro do programa teñen unha duración de 6 meses e a finalidade municipal é mellorar a formación e capacitación profesional e facilitar a adquisición de maiores habilidades das persoas beneficiarias do plan.
Tal e como recollen as bases, as ocupacións que se cubrirán na convocatoria deste ano son: auxiliar administrativo, técnico auxiliar de Prevención de Riscos Laborais, capataz e peóns da construción, oficial albanelería, oficial electricidade, delineante, oficial carpintería aluminio, oficial carpintería de madeira, oficial carpintería metálica, oficial condutor, peóns e oficiais de xardinería-forestal, oficial fontanería, oficial mecánico de maquinaria e oficial de pintura.
As persoas interesadas en formar parte do Vigo Emprega 2023 deben ser maiores de idade, estar empadroadas en Vigo, estar inscritas na oficina de emprego, que é a que deriva ás persoas candidatas logo de seleccionalas para que sexan contratadas, e ter capacidade para desempeñar as tarefas habituais da ocupación á que opte. Tampouco poden ter sido contratadas nos últimos 12 meses noutro programa de emprego do Concello.