O Marisquiño realizará “A Gran Batalla de Galos” na nova Porta do Sol
Abel Caballero, xunto a Pity Domínguez, un dos organizadores do festival, e a Álvaro Pumares (responsable de Gallos del Norte) presentaron que a gran final galega de Gold Battle desenvolverase na nova praza.
“A Gran Batalla de Galos” de O Marisquiño realizarase no novo espazo de Porta do Sol o domingo 13 de agosto, o día de clausura do festival. Como explicou o rexedor, “trátase dun evento que se celebrará no corazón da cidade, expandindo a conexión de O Marisquiño con Vigo”.
Neste evento celebrarase a gran final galega de Gold Battle (a competición de freestyle mundial máis lonxeva desta disciplina). Serán 32 participantes, na súa maioría galegos e do norte do país, que darán forma á esperada Final Rexional do Marisquiño 2023. O gañador e o segundo clasificado conseguirán o acceso á Final Nacional de Gold Battle, que se celebrará como cada ano en Barcelona, o 18 de novembro, onde buscarán o ouro que da acceso á mítica Final Internacional, que terá lugar en Latinoamérica.
A maiores, haberá dous eventos previos: o venres 11, viviremos unha nova exhibición de freestyle libre que acollerá a talentos de todo o país, que virán a Vigo a gozar da maxia da improvisación e o sábado 12, contaremos coa Clasificatoria Final para “A Gran Batalla de Galos”, un torneo multitudinario de lista aberta no que estarán en xogo as dúas últimas prazas para o domingo.
Desta maneira, Vigo e O Marisquiño demostran un apoio á emerxente escena galega destes poetas urbanos, potenciando a súa implantación en Galicia e dándolle un espazo visible na cidade.