Escoitar

O Concello cederá espazos ás peñas na nova grada de "Marcador Centenario” de Balaídos

O alcalde mantén un encontro este martes cunha representación da Federación de Peñas do Celta e outro coa Agrupación de ex xogadores do Celta que tamén contarán cun espazo propio na zona da Bancada de Tribuna.

martes, 28 feb 2023
O alcalde, o tenente de alcalde, Javier Pardo, e técnicos municipais durante unha visita á obra de Marcador
O alcalde, o tenente de alcalde, Javier Pardo, e técnicos municipais durante unha visita á obra de Marcador

Abel Caballero avanzou en rolda de prensa que a renovada bancada de Marcador vai denominarse “Grada de marcador centenario”, como homenaxe aos cen anos de historia do Celta de Vigo. É unha das decisións que trasladará este martes á Federación de Peñas no marco da reunión que se celebra no Concello e na que tamén poñerá no seu coñecemento que lles “imos ceder locais a aquelas peñas que estean activas neste momento e que precisen ese espazo para poder desenvolver o seu traballo. Poderán ter un despacho para programar o seu traballo como peñas do Celta”, sinalou o alcalde, engadindo que “queremos que teñan a súa propia presenza no Estadio de Balaídos”.

Ademais, Caballero recibe á Agrupación de ex xogadores do Celta para comunicarlles que o goberno municipal lles cederá un local respectando a localización que xa tiñan na zona da Bancada de Tribuna, co fin de que poidan levar adiante a súa actividade nun espazo propio.

Con todo, afirma o rexedor, “a homenaxe máis importante do centenario é o novo estadio de Balaídos que estamos facendo o Concello e a Deputación, sen achegas da Xunta de Galicia”, un estadio renovado que “queremos que sexa un gran centro referencial do deporte de toda Galicia. Esta é a visión: é o estadio do Celta de Vigo, das peñas, dos ex xogadores e de tantas agrupacións deportivas que terán alí os seus locais e a súa referencia”.

 

Descargar todas as imaxes