Escoitar

A selección feminina de baloncesto completará en maio en Vigo a súa preparación para o Eurobasket 2023

O pavillón de As Travesas será a instalación na que a selección feminina de baloncesto completará a súa preparación para o Eurobasket 2023 que se disputará en xuño en Eslovenia e Israel. No acto de presentación, en Quirós, o alcalde avanzou que o adestrador Miguel Méndez será nomeado este ano Vigués distinguido.

xoves, 16 feb 2023

Abel Caballero e Carmela Silva, acompañados polo presidente da Federación Española de Baloncesto, Jorge Garbajosa, e polo adestrador, Miguel Méndez, anunciaron esta mañá que a selección vai completar no mes de maio en Vigo a súa preparación de cara ao Eurobasket 2023 que se celebrará do 15 ao 25 de xuño en Eslovenia e Israel.

Desde o recentemente construído pavillón de Quirós, o alcalde e a presidenta da Deputación avanzaron que as mellores figuras do baloncesto español adestrarán en Vigo do 17 ao 23 de maio, no pavillón de As Travesas, onde tamén xogarán un torneo amistoso coas seleccións de Italia e China do 24 ao 26 de maio.

Durante o acto, no que tamén estivo presente Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega de baloncesto, Caballero amosou a súa satisfacción por que Vigo fora a cidade elixida para albergar esta iniciativa e trasladou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra por financiala. Na súa intervención defendeu os valores do deporte como os mellores para á mocidade e á sociedade en xeral, concluíndo que “o deporte é xa unha forma de vida”.

Dirixiuse a Miguel Méndez ao que lle anunciou que será Vigués Distinguido este mesmo ano “como recoñecemento a ti como persoa pero tamén ao que representas” e avogou porque Vigo acolla a fase de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino español.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou na súa intervención o feito de que Vigo, coa estadía e o torneo preparatorio para o Eurobasket, “se vai converter no centro do baloncesto feminino e iso vai facer que a nosa cidade sexa aínda máis grande do que é”, ao tempo que se amosou confiada en que as deportistas do baloncesto español “vannos dar moitas alegrías nesta competición”. Carmela Silva quixo poñer en valor a presenza no acto de xogadoras dos equipos da cidade Seis do Nadal e o Celta para destacar que “as mulleres están plenamente integradas en todos os deportes, e amais están dándolle grandes alegrías á provincia, Galicia e España, moi particularmente no caso do baloncesto”.

Descargar todas as imaxes