Escoitar

O izado do HALO modificará os accesos da cidade pola AP-9 durante un mes

O alcalde avanzou que a instalación do círculo do ascensor sobre a autoestrada, que se realizará mantendo a maior parte do tráfico de entrada a Vigo, supoñerá o peche do túnel de Lepanto e a saída e entrada de autobuses á estación desde o próximo luns 13 de febreiro. Implicará amais cortes nocturnos para entrar na cidade desde a AP9 por Alfonso XIII.

venres, 10 feb 2023

O alcalde explicou este venres que a estrutura do ascensor, o círculo que o conforma, será montado no chan por pezas e, posteriormente, elevado sobre a autoestrada, o que motivará algunhas restricións no tráfico.

Así, desde o vindeiro luns 13 de febreiro e durante un mes aproximadamente, salvo eventualidades, queda cortado totalmente o tráfico de acceso á AP9 desde o Túnel de Lepanto e desde a Estación de Autobuses, cara a onde tampouco se poderá acceder desde a autoestrada

No caso do tráfico de acceso a Vigo pola AP9, desde o vindeiro mércores 15 de febreiro e durante un mes aproximadamente, haberá cortes nocturnos na entrada por Alfonso XIII, na zona de Cervantes, polo que tanto os vehículos privados como os autobuses deberán desviarse por Isaac Peral. Segundo explicou o rexedor, a limitación en horario nocturno faise porque “en horas punta é imprescindible ter aberta esa entrada á cidade porque non dá abasto Isaac Peral”.

Abel Caballero detallou o horario previsto de desvíos, que son susceptibles de cambio en función da seguridade da obra. O tráfico deberá desviarse por Isaac Peral todos os días laborables, desde as 21 horas da noite e ata 7 da mañá; os sábados o corte será desde as 21 horas da noite ata as 9 mañá e os festivos e vésperas de festivo desde as 21 horas ata as 16 ou 17 horas da tarde. Con todo, estes son horarios máximos de circulación restrinxida, podería ser de menos tempo en función da necesidade da obra.

En canto á alternativa establecida para a entrada de autobuses á Estación, dado que non poderán usar a autoestrada, o rexedor informou de que deberán saír por Isaac Peral e na rotonda coller a rúa Doutor Canoa, seguir por Antón Beiras, Travesía de Vigo, Urzáiz e Baixada a Estación. Para saír da estación e acceder á autoestrada, deberán baixar por Alfonso XIII, virando á dereita cara a García Barbón e Isaac Peral. “Faremos viable esta forma de funcionamento que durará aproximadamente un mes”, puntualizou Caballero que advertiu que estas limitacións xa foran comunicadas á Xunta de Galicia cando abriron a estación. “A Xunta sabía que ía pasar”.

Descargar todas as imaxes