A nova Praza Elíptica incrementa un 30% o seu espazo cidadá
O alcalde deu conta da evolución das obras de humanización na Praza Francisco Fernández del Riego que “queremos que sirva para desenvolvementos culturais e concertos”.
O Concello inviste 2,3 millóns de euros na renovación da Praza Elíptica que “vai ser unha praza completamente nova, distinta, na que aumentamos un 30% o espazo”, dado que, segundo explicou Abel Caballero, trátase dunha zona da cidade na que “precisamos zonas dotacionais, xa que marca a transición entre o Castro, a Gran Vía, Praza de España e rúa Venezuela, Simón Bolívar...”.
Así, o goberno municipal proxecta un espazo público que “sirva para desenvolvementos culturais, concertos... Queremos que se converta en zona cultural”. Nestes momentos, está a instalarse a pérgola máis pequena e están chegando as pezas para a pérgola grande. Ámbalas dúas incorporan un número significativo de paneis solares para dotar de enerxía ás instalacións proxectadas e á iluminación da praza. Amais, instalarase novo mobiliario urbano, renovarase o pavimento, as redes de saneamento e abastecemento de auga, luz, electricidade, comunicacións e gas.
Caballero apuntou que as obras está moi avanzadas e que este ano a Praza suma o “interese adicional” de levar o nome do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que é Francisco Fernández del Riego.
No ámbito rural, o goberno municipal está executando a mellora da drenaxe da ladeira da zona comprendida entre Puxeiros e a Estrada Vella de Madrid, para canalizar as augas que baixan desde o Centro Comercial do Meixoeiro e a A55, chegando a inundar a ladeira. Ao mesmo tempo, traballa na humanización da rúa Paz Pardo.
Por último, Caballero destacou que o Concello retomará dentro dun mes as obras da IV Fase de humanización da rúa Aragón, que inclúe desde o número 185 ata o cruzamento con Travesía dos Rosais, logo dos atrasos producidos por falta de material, que obrigou a facer unha revisión do prezo. No mes de abril, previsiblemente estará rematada a obra acadando os 7,3 millóns. Nesa zona, apuntou, “estamos empezando co ascensor entre Travesía de Vigo e Aragón e estamos moi avanzados no Parque Matías, que estará conectado mediante unha pasarela mecánica desde Travesía e deseñaremos o resto da zona interior entre Travesía e Aragón, onde haberá un pequeno Castrelos”.