O Concello humanizará toda a contorna de Balaídos cun orzamento de 1,8 millóns
O alcalde avanzou esta mañá a previsión de rematar a humanización da rúa Val Mlñor na zona que circunda ao estadio de Balaídos. O goberno local aprobou un proxecto que conta cun orzamento de 1,8 millóns e unha previsión de execución de seis meses.
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de urbanización da rúa Val Miñor e a confluencia coa avenida Fragoso, cun orzamento de 1.831.856 euros e un prazo de execución de 6 meses. Tal e como detallou o rexedor, a actuación inclúe a renovación do entorno inmediato do estadio, a recuperación do espazo dedicado ao aparcamento para uso peonil, así como a renovación da rede de drenaxe e saneamento de pluviais para aumentar a súa capacidade, ante as inundacións que se rexistran por fortes choivas.
Entre as actuacións previstas destaca a execución de firmes e pavimentos convertendo a zona en peonil; a reposición da rede de pluviais e colocación de sumidoiros nos desniveis entre o pavimento peonil e o rodado, de xeito que poidan reter auga; a instalación de novos tubos de pluviais de maior capacidade; a renovación da rede de iluminación; novo mobiliario urbano e un novo photocall con nome do estadio municipal.
Programa Vigo en festas
O goberno local tamén deu luz verde ao Programa Vigo en Festas 2023, que recolle de xeito sistematizado os actos que conforman a programación anual de festas. Cun orzamento inicial de 2,5 millóns, o obxectivo é garantir unha oferta sociocultural completa e de calidade para a cidadanía que convirta Vigo nun centro de referencia de ocio. O programa inclúe a xeración de actividade creativa e cultural dos barrios para achegar a cultura e o ocio á cidadanía.
A proposta arranca co Entroido e segue con Vigo en festas, que dura todo o ano. Neste epígrafe inclúense espectáculos en pequeno formato por barrios e parroquias; festas verbenas, galas e certamens como Os Maios, Cancións dos Nosos Barrios, Galas de danza; O Marisquiño, con 17 edicións; o vixésimo noveno Festival Folclórico Internacional do Concello de Vigo -que este ano será ampliado -; concertos en Castrelos; Semana da música clásica e jazz en Praza Compostela; festas gastronómicas e actividades de outono como Samaín, magostos.... Mención especial merece a programación de Nadal, cun parque infantil no Auditorio Mar de Vigo; actuacións de pequeno formato polos barrios; Cabalgata de Reis; Concertos de Nadal, entre outros.
Outra dos asuntos que se aproba é a previsión de convocar o programa de subvencións en concorrencia competitiva e outras achegas.