Escoitar

Caballero reclama á Xunta que poña en marcha as gardas 24 horas nos xulgados de Vigo

O alcalde demandou esta mañá á Xunta a posta en marcha das gardas 24 horas nos xulgados da cidade. En rolda de prensa, lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que non conta con este servizo a pesar de ter 8 xulgados de instrución.

martes, 13 dec 2022

O rexedor defendeu esta mañá a implantación das gardas de 24 horas nos xulgados de Vigo, tal e como veñen reclamando diferentes sindicatos xudiciais, o que redundaría en mellor e máis pronta atención para a cidadanía. Logo de manter onte un encontro con responsables de CSIF Xustiza, Caballero sumouse ás críticas á Xunta por negarse a emitir un informe favorable a esta implantación o que supón unha discriminación a Galicia, única comunidade autónoma que non conta con este servizo a pesar de ter 8 xulgados de instrución.

Caballero lembrou que esta proposta xa conta co apoio do Consello Xeral do Poder Xudicial , do Ministerio de Xustiza, do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; do Defensor do Pobo, dos colexios de Avogados e de Procuradores de Vigo, do Fiscal Superior de Xustiza, entre outros.

En rolda de prensa, o rexedor recalcou que para que as gardas 24 horas se implanten é preciso o apoio a a aprobación do Goberno de España e da Xunta. “O Goberno de España xa incluíu nos orzamentos do ano 2021 e nos deste ano a partida correspondente para pagar as gardas dos funcionarios que dependen da Administración Central”. Estamos nesta situación pola “cerrazón” da Xunta que se nega a incorporar a partida necesaria para pagar aos funcionarios que dependen da comunidade autónoma.

 

Descargar todas as imaxes