Escoitar

O Concello aproba un crédito extraordinario de 32,8 millóns de euros para “seguir impulsando a mellora da cidade”

A Xunta de Goberno Local extraordinaria aprobou este venres un conxunto de investimentos “para a cidadanía”, que inclúe humanizacións, promoción da cidade ou pagamentos do incremento da luz e que se financiarán na súa totalidade con fondos municipais, sen recorrer a crédito nin endebedamento financeiro.

venres, 21 out 2022

Abel Caballero informou sobre o acordo en rolda de prensa explicando que este crédito extraordinario de 32,8 millóns de euros permitirá “seguir impulsando o cambio, a mellora da cidade, as rúas e a calidade de vida da cidade e xerando miles de empregos nestas obras. Son investimentos para a cidadanía”. Amais, apuntou que as actuacións se financian na súa totalidade con fondos municipais, “con fondos propios sin ningún crédito nin endebedamento de ningunha institución financeira”.

O rexedor puxo en valor a xestión municipal expoñendo que o seu goberno é quen de levar adiante o centenar de obras que están en execución, amais de todas a aprobadas ao abeiro deste crédito e engadir outro crédito de fondos propios de 5,2 millóns de euros para a gratuidade dos libros de texto de Primaria e Secundaria.

Caballero detallou as actuacións que se executarán con cargo a este crédito extraordinario: a humanización da Porta do Sol (2,4 millóns de euros), a reordenación da rotonda de Olímpicos e Pablo Iglesias (1,3 millóns de euros), a humanización da rúa Teixugueiras (1.975.000 euros), o remate e pago da Grada de Marcador (3.140.000€), as humanización da rúa Val Miñor (1,8 millóns) e Calexón Balado (130.000 euros); o gran Parque de Navia 1ª anualidade (1,5), a reparación da piscina de Teis, afectada por un incendio (1 millón), a humanización de Cesáreo Vázquez (500.000 euros) ou a conclusión das obras da Vía Verde Fase II (430.000 euros), da Praza Elíptica (365.000€) e da escaleira mecánica da rúa Talude (320.000€). Humanización da rúa Aragón fase VI remate: 100.000€ ▪ Humanización Purificación Saavedra Fase II remate: 55.000€ ▪ Remate praza Miñoca: 105.000€ ▪ Abastecemento e actuación en Serafín Avendaño: 38.580 euros.

O goberno municipal acometerá tamén as obras do Skate park cuberto en Navia (200.000 euros), o aparcadoiro de Matamá por importe de 700.000 euros e humanización da Praza San Mauro na mesma parroquia por 300.000 euros así como a modernización do mercado de Teis (685.000 euros) e a demolición da cafetería Miradoiro do Castro (300.000 euros). En Bembrive, realizarase a cubrición da pista do Centro Cultural e a mellora do parque (600.000 euros), en Teis a adquisición e derrubo do ámbito da Biblioteca (300.000 euros), en Cabral, o remate da cubrición do Centro Cultural Becerreira (175.000€), o pagamento final do Pavillón de Quirós (81.000 euros) e a humanización da estrada provincial Garrida-Porto (281.200€).

No ámbito educativo, inclúense neste conxunto de investimentos a cuberta do colexio Frián-Teis (215.000 euros) e acometer o resto da cubrición colexio Balaídos (42.800€). O Concello executará obras na contorna de Vialia por valor de 3,4 millóns de euros, a promoción da Marca Vigo para situala “entre as cinco marcas de cidade máis importantes de España no mundo” (2.500.000 euros), a adquisición do Dominio público de Zona Franca na Etea por valor de 3.169.451 euros da que, dixo o alcalde, “enviaremos a factura á Xunta que é quen ten que pagala e se non iremos aos tribunais”. Amais, o crédito servirá para financiar a ocupación das instalacións da ETEA (127.615 euros), o pago da subida da luz que acadará case os 2,7 millóns de euros, un Plan de actuación dixital para que a cidadanía viguesa poida facer dixitalmente toda a relación co Concello (380.000 euros), a posta en marcha dun sistema de almacenamento datos (350.000€), as obras do edificio atención social da Praza Princesa (190.000€) e o Centro de formación Rúa Alta (180.000€), actuacións de prevención social e comunitaria (125.000 euros), un pagamento ao Celta de Vigo (295.000 euros), actuacións en seguridade viaria (140.000 euros) para pasos peóns e o contrato de sinalización.

O alcalde apuntou outras accións: un equipo de son Vigosónico (26.000€), actuacións de eficiencia enerxética na Casa Xuventude (10.000€) e melloras no inmoble (26.000€), a cubrición do tranvía da Avenida de Castelao (45.000€), as beirarrúas de Severino Cobas (46.800€), a mellora de firmes (25.620€), actividades culturais e tempo libre (36.000€), instalacións e utillaxe (25.000€), o remate do Parque de Santa Cristina que está en situación complicada tralo incendio (25.000€), o remate da renovación do céspede do campo da Guía (27.500€) e a renovación do céspede do campo de Fragoselo (18.100€).

O documento do crédito extraordinario será sometido a votación no Pleno Extraordinario do vindeiro 9 de novembro e a partir de aí, será sometido a exposición pública e á aprobación definitiva.

Descargar todas as imaxes