Caballero aposta polo Rías "para que volva ser o mellor rally de España"
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou na Praza do Rei a edición número 55 do Rallye Recalvi Rías Baixas, que se abrirá este xoves (20:30 horas) co acto oficial de saída dende Policarpo Sanz.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou na Praza do Rei a edición número 55 do Rallye Recalvi Rías Baixas, que se abrirá este xoves (20:30 horas) co acto oficial de saída dende Policarpo Sanz, rúa onde se situará o parque pechado. Entre o venres e o sábado, dez tramos contra o reloxo a cubrir “con Vigo como núcleo do rally”, explicou o rexedor.
A proba, quinta e penúltima da Copa de España Recalvi de rallys de asfalto, contará coa participación de 120 coches rexistrados e o alcalde celebrou “o nivel e calidade” de pilotos, copilotos e equipos participantes, avanzando ademais á organización (Escuadra Rías Baixas) e á Federación Española de Automovilismo “que conten connosco” para o sesenta aniversario da proba, en 2023, porque “temos a vocación de que o rally recupere e supere os mellores momentos; queremos que volva ser o mellor de España e tamén de Europa, porque Vigo é unha cidade onde o automóbil é unha cultura”.
Caballero estivo acompañado polo vicepresidente da Federación Española de Automovilismo, José Vicente Medina, polo patrocinador privado, Chema Rodríguez (Recalvi), polo presidente da escudería, Fernando Mouriño, o polo edil de Deportes, Manel Fernández, ademais de por varios pilotos vigueses.
O Rías montará o seu parque de asistencia en Samil (Museo Verbum) e o venres pola mañá (9:30 horas) os automóbeis dedicaranse a prepararse no tramo de proba (shakedown) que a organización situou na estrada do Zondal, en Valadares, nas inmediacións do monte Alba.
“Queremos achegar o rally a Vigo o máis posible”, apuntou Mouriño, que lembrou que “paga a pena desprazarse” a Valadares porque “o percorrido é precioso e as vistas da ría e a cidade son impresionantes”. O venres polo serán (17:21 horas e 20:05 horas), os tramos 1 e 3 correranse entre Vigo e Nigrán, dende a estrada do Zondal. Haberá outros oito tramos entre os dous días, xa por concellos da área de influencia.
Para o xefe do goberno vigués, esta modalidade “é un deporte de altísima competición e tamén de exhibición”. A cidadanía poderá ver a frota de vehículos participantes en Policarpo Sanz.
Na presentación, o vicepresidente da Española tamén lembrou que o Rías foi durante anos “o mellor de España” e Álex Pais, piloto vigués, dixo en representación dos seus compañeiros que este ano “volve a esencia do Rías con máis quilómetros e o formato ideal”. Serán 125 quilómetros para decidir o campión.
Nunha edición cunha “participación masiva”, Caballero tamén quixo destacar o apoio de Recalvi e de Chema Rodríguez como exemplo de que “Vigo é unha cidade de cooperación público-privada”.