Escoitar

Abel Caballero presentou a tempada de outono do auditorio Mar de Vigo

Contará con 25 espectáculos, cun gran peso dos musicais, seis ata finais de ano, entre os que destacan as únicas datas en Galicia de “Peter, El Musical” e a superprodución de “El médico”, baseada no libro de Noah Gordon. Outra das grandes estrelas será Les Luthiers, estrearán o seu espectáculo “Gran Reserva”.

venres, 23 set 2022

 

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá o avance da que será a programación de outono do auditorio Mar de Vigo, no que recoñeceu que “é a programación de outono máis ambiciosa que fixo nunca no Mar de Vigo”. Deu a coñecer máis de vinte espectáculos de primeiro nivel, sinalando que é “un programa de gran calidade, conformado para diferentes públicos, converténdose nun auténtico referente”.

A aposta do último trimestre do ano serán os grandes musicais, cun total de seis programados, pero tamén se sumarán ao programa unha variedade de espectáculos que van desde o ballet ás músicas de cine, pasando pola maxia, as bandas tributo ou os monólogos.

Abrirá a tempada o musical “El gran hotel de las Reinas” o 7 e 8 de outubro. Entre os grandes musicais que pasarán polo Auditorio Mar de Vigo está o agardadísimo “Peter, El musical”, un espectacular musical familiar sobre Peter Pan, que celebrará 5 funcións do 2 ao 4 de decembro, sendo a única maneira de ver esta gran produción en Galicia. Outros dos grandes musicais para todos os públicos será “El Médico”, a gran superprodución española inspirada no bestseller de Noah Gordon, e que tamén terá cinco funcións no Auditorio Mar de Vigo, do 11 ao 13 de novembro.

O outro dos grandes espectáculos outonais será a presenza de Les Luthiers, un grupo histórico que ten feito rir a millóns de persoas. Actuarán en tres funcións o 21, 22 e 23 de outubro co seu elenco de 2019, estreando o seu espectáculo “Gran Reserva”, unha antoloxía que reúne algúns dos grandes éxitos dos seus 55 anos de historia.

Ademais, o ballet terá tamén gran protagonismo nesta programación do último trimestre do ano. O prestixioso Ballet Clásico de Ucrania estará no Mar de Vigo en tres datas diferentes. O 27 de outubro e o 13 de xaneiro poñerán en escena “El Lago de los cisnes”, e o 18 de decembro co gran clásico por excelencia do nadal, como é “El Cascanueces”. A programación tamén incorporará este ano, o 28 de decembro, un dos espectáculos de danza máis aclamados do mundo: Spirit of the dance.

A programación contará tamén coas músicas de cine de John Williams e Hans Zilmmer, o 5 de novembro e o 26 de decembro, e as fermosísimas bandas sonoras dos filmes de Walt Disney, que interpretará a Hollywood Symphony Orchestra nas datas de Nadal, o 30 de decembro; e con “Krypton”, o novo espectáculo da Film Symphony Orchestra co mestre Constantino Martínez-Orts, que estará o 28 de xaneiro.

En xaneiro, tamén terá lugar o “Gran Concerto de Año Nuevo” de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble, programado para o 6 de xaneiro, Día de Reis, así como Carmina Burana e a 9ª Sinfonía de Beethoven, con Gran Orquesta Sinfónica e Coro, que actuará o 22 de xaneiro.Completan este outono a Gala Internacional da Maxia, que se celebra o 9 de outubro, o monólogo de Dani Martínez, o 17 de decembro ou a Queen Tribute Band, tributo a esta lendaria banda, que terá lugar o 29 de decembro

Descargar todas as imaxes