Escoitar

O goberno local prorroga o contrato de socorrismo para 2023 cun importe de 631.000 euros

O alcalde di que xa está a preparar o verán do próximo ano. A Xunta de Goberno tamén aprobou axudas para cultura e emprego.

venres, 9 set 2022
O alcalde na visita de hoxe ao Colexio Maristas saudando ao alumnado e profesorado tras o inicio do curso 2022-2023
O alcalde na visita de hoxe ao Colexio Maristas saudando ao alumnado e profesorado tras o inicio do curso 2022-2023

Abel Caballero deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno. O Concello prorroga un ano o contrato de servizos de vixilancia, socorrismo, salvamento, asistencia sanitaria de primeiros auxilios e seguridade e accesibilidade polo mesmo importe do servizo no ano 2022, isto é 630.605 euros.

O alcalde manifestou que “se están a facer as cousas con antelación e xa se está a preparar o verán de 2023” e puxo en valor as 11 bandeiras azuis, que fan de Vigo a cidade con máis recoñecementos de España: Rodas, Fortiñón, Canido, O Vao, Fontaíña, Argazada, Tombo do Gato, Carril, A Punta e Santa Baia.

Cultura e emprego

A Xunta de Goberno tamén aprobou adicar 8.111 euros para o desenvolvemento do XLIV edición dos Premios da Crítica de Galicia. “Os premios da cultura”, manifestou o rexedor en rolda de prensa.

Os Premios da Crítica contan con distintas modalidades: creación literaria, investigación, música, iniciativas culturais e científicas, artes plásticas, artes escénicas, cine, artes audiovisuais e cultura gastronómica.

“Seguimos na nosa vocación de apoiar á cultura e desenvolvemento da cultura na cidade de Vigo”, concluíu o rexedor.

O goberno tamén asinou coa UGT Galicia o convenio para o apoio aos traballadores en ERTE e desempregados cun importe de 37.000 euros.

Descargar todas as imaxes