Escoitar

Vigo e os concellos da área piden medidas á Xunta para solucionar o problema da auga

Abel Caballero celebrou este martes unha reunión cos concellos da área que se abastecen da presa de Eiras e que se desenvolveu en ambiente “cordial e de cooperación porque tratamos un tema de gravidade”.

martes, 30 ago 2022

No encontro participaron as alcaldesas de Redondela, Digna Rivas; de Cangas, Victoria Portas; de Moaña, Leticia Santos e de Salceda de Caselas, Verónica Tourón; o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira; o alcalde accidental de Porriño, Camilo Augusto Martínez; e a concelleira Urbanismo e Medio Ambiente do Porriño, Antía Carrera.

Para o alcalde vigués, a Xunta de Galicia está dando unha dobre desatención nesta área: non inviste na renovación de redes de abastecemento de auga dos municipios e non proporciona auga en alta. “Unha actitude neglixente da Xunta de Galicia contra estes concellos”.

Tal e como expuxo na rolda de prensa posterior ao encontro, os alcaldes acordaron unha proposta “case unánime de que a Xunta de Galicia debe actuar para resolver a parte da súa competencia do abastecemento da auga desta zona do Gran Vigo e non o está facendo”. Apuntou a posta en común das medidas de aforro implantadas nos diferentes municipios que confirman que “a acción municipal é unha realidade; estamos tomando decisións” e trasladou que algúns rexedores manifestaron que a ausencia de investimento da Xunta nas redes de abastecemento impiden a súa renovación habendo fugas moi importantes que pode supoñer ata un 30% de perda de auga e ante as que os concellos non teñen recursos abondos.

Abel Caballero trasladoulle aos rexedores que na reunión celebrada hai 9 anos (en 2011) co conselleiro Agustín Hernández, a Xunta de Galicia comprometeuse a facer un transvasamento do río Verdugo ao Oitavén e “mesmo amosou un debuxo pero era mentira. Non fixeron nada”. En 2017 Vigo propuxo unha toma de emerxencia e a Xunta accedeu co compromiso de pagala Vigo “e non a fixeron”. Amais, puxo en valor as humanizacións iniciadas hai 14 anos, que permitiron a renovación de máis da metade da rede de distribución da cidade, con detectores de presión que avisan das fugas. Medidas coas que sitúa a Vigo como “o concello de España con menos fugas”; un investimento que non teñen capacidade de asumir tódolos municipios.

Medidas de aforro

No tocante ás medidas de aforro implantadas na cidade, lembrou a supresión de baldeos desde primeiros de xullo, as campañas en medios sobre consumo responsable de auga, a rebaixa da captación de auga de Zamáns, a revisión de todas as fontes públicas de traída, a prohibición do enchido de piscinas desde o mes de agosto, no que tamén se reduciu máis o o tempo de ducha e pés das praias, as regas ao mínimo e no que se enviaron cartas ao grandes consumidores promovendo o aforro.

O alcalde vigués destacou a importancia da obra que se acomete na nova potabilizadora, cun investimento de 23 millóns de euros, que servirá para Cangas, Moaña, Redondela e Mos para o que pediron axuda á Xunta de Galicia que “nin sequera contestou á proposta que lle fixemos”, polo que Vigo iniciou as xestións a principios de 2020. Con todo criticou o atraso de 16 meses na xestión autonómica relatando os pasos do procedemento administrativo: desde o 20 de marzo de 2020 que o Concello enviou á Xunta o proxecto de construción da ETAP, tardaron tres meses en responder e requiriu documentación municipal, deixaron pasar catro meses e volveron pedir documentación, que enviamos en 11 días; deixaron pasar catro meses e requiriron de novo documentación, que remitimos en 17 días, deixaron pasar 3 meses máis e volveron pedir documentos, que mandamos en 12 días e ata tres meses despois non deron a autorización. 16 meses cando é un trámite que pode facerse en 3-4 meses, censurou. “Sen esta actitude neglixente teríamos a potabilizadora en funcionamento; non pagan e non nola deixan facer en tempo e forma. Atrasárona un ano. Atrasárona adrede”.

En cambio, esgrime o rexedor, a Xunta de Galicia si inviste noutros concellos, citando a Ames e Brión cun investimento de 8 millóns de euros, Cabana de Bergantiños (1,2 millóns), Teo (1 millón euros) ou Bóveda (657.000 euros).

 

 

Sobre a carta remitida este luns ao Concello pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, Caballero rexeitou que inclúa “unha mentira tras outra”, citando como exemplo a competencia sobre o abastecemento. A carta deriva a responsabilidade nos municipios mentres o Artigo 27-12 do Estatuto de Autonomía de Galicia recolle que os Aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade... “Como van ter a obriga os concellos do abastecemento en alta se moitas veces se fai noutro concello a corenta quilómetros de distancia?”, preguntouse o rexedor, explicando que a competencia municipal é distribuíla no termo municipal sendo a Xunta responsable de aprovisionar auga en alta, levándoa desde o lugar de captación ata a potabilizadora do concello que sexa.

No tocante á presa de Eiras, Abel Caballero aclara que Vigo xestiona a presa “porque é nosa, porque a pagamos, o problema é que non é suficiente e é a Xunta quen debe proporcionar esa auga a maiores”. Na misiva, a conselleira acusa a Vigo de non dispoñer dun plan hidrolóxico; outra falsidade xa que, tal e como apunta o alcalde, data do ano 2011 e agora debe ser adaptado ao Plan autonómico, que vén de ser publicado en xullo deste mesmo ano.

Por último, o alcalde olívico acusa á Xunta de “actitude neglixente” dado que non envía auga aos concellos como é a súa obriga senón que tampouco acepta as propostas incluídas no estudo de alternativas ao abastecemento de auga feito entre o Ministerio, a Xunta e o Concello de Vigo; “agora desmárcase e non quere porque iso vai resolver o problema da seca en Vigo e a Xunta non quere resolver o problema da seca no gran Vigo”.

 

 

Descargar todas as imaxes