Escoitar

Caballero insiste na necesidade do consumo responsable de auga en Vigo e na súa contorna

“A partir de hoxe atención total á seca e autolimitación ao consumo de auga en cada casa, establecemento e fábrica”, advirte o rexedor ante a previsión dun outono seco que podería supoñer dificultades na dispoñibilidade de auga.

mércores, 17 ago 2022
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía
Abel Caballero durante a rolda de prensa en Alcaldía

Na rolda de prensa deste mércores, o alcalde sinalou que a choiva destes dúas foi boa para apagar restos de lumes, humedecer o monte e axudar a aguantar contra eventuais futuros incendios pero a efectos de presas e embalses foi “irrelevante, non ten ningún efecto. Seguimos en situación de seca con atención total e absoluta á seca”.

Nestes momentos, o encoro de Eiras está a un 82% da súa capacidade, segundo informou Caballero, “mellor que o ano pasado e un pouco por debaixo de hai dous anos. Estamos na media dos últimos dez anos pero temos que poñernos no escenario dun outono seco”, tal e como veñen de trasladar os expertos meteorólogos nos Estados Unidos, polo que, “a partir de hoxe atención total á seca e autolimitación ao consumo de auga en cada casa, establecemento e fábrica. Temos que facer o consumo máis responsable que fixemos nunca”, lamentou, apelando á cidade viguesa e aos municipios que se abastecen da presa de Eiras.

Ante o escenario dun outono seco, Abel Caballero censurou que a Xunta de Galicia non fixera a toma de emerxencia na desembocadura dos ríos Verdugo e Oitavén “que non danaba a ninguén, ningún concello nin caudal ecolóxico para ter a presa de Eiras ao 100% porque estaba alta e dentro de pouco xa non se poderá tomar. Privounos adrede de suavizar o efecto da seca en Vigo”.

 


Namentres, o Concello puxo en marcha diferentes medidas para o aforro de auga en Vigo como a supresión dos baldeos desde principios de xullo, a redución das fugas ao mínimo coas humanizacións masivas con renovación de redes, o desenvolvemento de campañas en tódolos medios de comunicación sobre consumo responsable de auga, a activación da prealerta para non encher piscinas, a construción dunha nova potabilizadora de 23 millóns de euros para Vigo e a súa contorna, a rebaixa da captación de auga de Zamáns, a revisión de tódalas fontes públicas e ornamentais, deixando en funcionamento soamente as de circuíto pechado.

Este mércores o rexedor avanzou novas medidas que se implantan desde hoxe: a absoluta prohibición do enchido de piscinas, unha maior redución do tempo de ducha e pés nas praias amais de baixar a presión; a diminución da rega ao mínimo e “seguiremos baixando a presión da rega na cidade”, que xa se reducira á metade. Amais, hoxe mesmo que se retoma a actividade industrial na cidade, “realizaremos un envío de cartas aos grandes consumidores recomendándolles aforro absoluto de auga”. Así as cousas, “xa poñemos en marcha tódalas pancas en previsión dun outono seco”.

No entanto, o alcalde acusa á Xunta de Galicia de non facer nada: “está de observadora sen achegar solucións. Non toman medidas, teñen que diminuír o caudal ecolóxico de forma inmediata, que quede suficiente para manter a biodiversidade do río e comezar a conexión de emerxencia nos ríos Oitaven e Verdugo”. Advertiu tamén que os municipios de Nigrán e Baiona e unha parte de Gondomar están a punto de quedar sen auga e, ante a previsible falta de resposta da Xunta de Galicia, “acudirá Vigo ao seu rescate porque temos que estar ao seu lado, somos o mesmo Gran Vigo”. Así, censurou que a cidade non conta co goberno autonómico para “resolver o problema máis importante que temos, que é a auga, no que temos a oposición frontal da Xunta de Galicia”.

 

Descargar todas as imaxes