Escoitar

O Concello mobiliza case 30 voos ao Reino Unido e Irlanda para o alumnado do “Vigo en Inglés”

O alcalde manifestou este luns a súa “satisfacción” polo funcionamento do programa municipal de inmersión lingüística co que preto de 2.500 estudantes aprenderán inglés este verán.

luns, 20 xuñ 2022
O alcalde saudou aos monitores do programa durante a sesión formativa que realizaron no Auditorio Mar de Vigo
O alcalde saudou aos monitores do programa durante a sesión formativa que realizaron no Auditorio Mar de Vigo

Segundo informou Abel Caballero, o vindeiro martes 28 de xuño, ás 9 da mañá, sae do aeroporto de Vigo o primeiro voo con estudantes que recibiron a bolsa do Concello para estudar inglés. En total, a vindeira semana e durante a primeira semana do mes de xullo, partirán 7 voos con destino ao Reino Unido e a Irlanda. Viaxarán case 800 estudantes da edición 2020, que no seu momento non puideron gozar do curso por mor da pandemia do Covid-19 e que, o vindeiro curso iniciarán 1º de Bacharelato.

O goberno municipal ten programados case unha trintena de voos desde o aeroporto de Vigo para trasladar ao alumnado que recibiu a bolsa do Concello co fin de estudar inglés nun instituto do Reino Unido ou Irlanda cunha estadía de tres semanas. Os 801 estudantes da edición de 2022 viaxarán previsiblemente a primeira quincena outubro e os máis de 800 alumnos do ano 2021, que tampouco puideron viaxar no ano que lles correspondía por mor da pandemia, viaxarán previsiblemente a mediados do mes de setembro.

Precisamente coas familias do alumnado de 2021 celebra o Concello este luns, ás 19:30 horas da tarde no Auditorio Mar de Vigo, unha reunión informativa para proporcionarlles toda a información necesaria sobre a viaxe, a estadía e o curso que van realizar en Inglaterra.

O alcalde trasladou a súa “satisfacción” polo desenvolvemento do programa “Vigo en Inglés”, que permitirá que 2.500 estudantes, acompañados por 75 monitores, aprendan o idioma este verán viaxando ao Reino Unido e Irlanda nos case 30 voos que mobilizará o Concello.

Descargar todas as imaxes