Escoitar

Caballero apadriña a Rande Turismo: rutas con degustación nun barco bateeiro restaurado

Invitado polos organizadores, o alcalde achegouse este xoves á presentación desta nova experiencia náutica para coñecer a ría de Vigo a bordo dunha pequena embarcación tradicional completamente rehabilitada. As saídas contan con guía e inclúen degustación con bebida.

xoves, 9 xuñ 2022
O alcalde e o equipo de Rande Turismo, na proa do barco.
O alcalde e o equipo de Rande Turismo, na proa do barco.

O alcalde desprazouse este xoves ata Punta Lagoa para participar na presentación de Rande Turismo, unha nova oferta lúdica que permitirá aos vigueses e visitantes coñecer a ría de Vigo a través de rutas guiadas de dúas horas de duración e “degustación mariñeira” con bebida incluída.

Abel Caballero coñeceu o barco bateeiro restaurado para a ocasión, con capacidade para dez persoas, que emprenderá este mesmo mes as saídas regulares desde a cidade. A experiencia contará cun guía a bordo que trasladará á pasaxe os segredos da ría, prolífica para a pesca de baixura e idónea para a produción do mexillón.

Os organizadores prevén saídas de xuño a setembro en horario de mediodía (de 12 a 14 horas) e de solpor, para incluír na experiencia náutica as vistas da ría co atardecer e as illas Cíes ao fondo. Os horarios previstos neste caso son de 19 a 21 horas ou de 20 a 22 horas, en función do mes. E en xullo e agosto contará con tres horarios: un de mañá (12 a 14 horas) e dous de tarde (17 a 19 horas e 20 a 22 horas).

Rande Turismo contempla ademais realizar outros roteiros puntuais, como a Starlight unha vez ao mes e a navegación ata a illa de San Simón. Toda a información sobre os roteiros e as reservas pode consultarse a través da web www.randeturismo.com ou chamando ao 644 146 885.

O alcalde e o equipo de Rande Turismo, na proa do barco.
Descargar todas as imaxes