Sebastián Yatra, en concerto en Castrelos o 13 de xullo
Abel Caballero deu a coñecer este venres unha nova cita no cartel das festas de verán da cidade. A actuación do artista colombiano enmárcase na xira internacional que realiza para presentar en directo o seu último disco.
“Sebastián Yatra elixe Vigo como parte da xira internacional” que está realizando, explicou o rexedor este venres en rolda de prensa, e subirá ao escenario de Castrelos o vindeiro mércores 13 de xullo.
Con Dharma Tour 2022, Sebastián Yatra está percorrendo escenarios de México, Estados Unidos, Chile, Arxentina ou Colombia, entre outros países, e estará en Vigo e noutras cidades españolas. Vén de actuar na Gala dos Óscar de Hollywood interpretando o tema central da película Encanto.
Sebastián Yatra súmase ao cartel de verán confirmado xa para o auditorio municipal de Castrelos, do que aínda quedan citas por desvelar: Leiva toca o xoves 4 de agosto, Sting o sábado 6 de agosto e Hombres G o domingo 14 de agosto.
“Imos ter os mellores concertos de Castrelos que houbo nunca na historia da cidade”, sinalou o alcalde ao anunciar esta nova cita do cartel de recitais deste verán 2022.