O Pleno pide ao Estado a rede de Moi Alta Tensión e unha nova subestación eléctrica en Balaídos
Vigo solicitou “atender as necesidades de subministro da industria” do automóbil da cidade cun acordo adoptado este mércores que inclúe tamén solicitar unha mellora e ampliación do PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) da automoción, aprobado polo Goberno de España.
A moción foi presentada polo grupo municipal do Partido Popular e aprobouse cos seus catro votos e a abstención do resto dos partidos políticos con representación no Pleno vigués. O texto, centrado na industria viguesa do vehículo, reivindica accións do Goberno de España no subministro eléctrico e no PERTE recentemente validado.
En primeiro lugar, se demanda do Estado que inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de Moi Alta Tensión (que si estaba recollida no proxecto 2015-2020) e a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos. O texto considera “inxustificada” unha decisión que deixa a Balaídos “sen as infraestruturas de conexión eléctricas necesarias para certificar o seu presente e futuro”.
No tocante ao PERTE, a moción valora que o proxecto non é o que necesita o sector e remite ás valoracións da Asamblea Xeral do Clúster da Automoción Galega, que, segundo cita, ve “insuficientes” os fondos asignados, con “intensidades de axuda inferiores ás necesarias” e requisitos “bastante restritivos” con prazos que “deixan fóra a parte das accións necesarias”.