O alcalde pon en valor a presenza de Zona Franca no “corazón da cidade”
O Consorcio da Zona Franca de Vigo celebrou un acto de posta en servizo da nova sede situada na rúa Areal, que será inaugurada de xeito oficial no mes de xaneiro, e desde a que ofrecerá espazos e actividades para a cidadanía.
Abel Caballero e Carmela Silva acompañaron ao delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, durante a visita ás instalacións logo de descubrir a escultura O Abrazo, de Andrés Conde, que está situada fóra do edificio que se abre agora á cidadanía, asociacións, colectivos, emprendedores, empresas e startups para todo tipo de actividades.
O alcalde e presidente do Consorcio da Zona Franca amosou a súa satisfacción polo resultado da obra e asegurou que “estamos a dar un paso moi importante na transformación da cidade de Vigo, con pasos de forma continua”. Ademais, destacou o valor de que o Consorcio “veña ao corazón da cidade para acoller aos cidadáns”. Lembrou que “Zona Franca é un inmenso movilizador da economía. Presídoa desde hai case 15 anos e son a persoa que máis tempo fun presidente e todo o solo industrial que se fai na cidade lévao adiante Zona Franca”, salientou.
David Regades, puxo en valor “que se trata dunha obra que tivo en conta a recuperación de patrimonio histórico da cidade, cunha gran sensibilidade polos elementos arquitectónicos, que marcan a personalidade do edificio e a súa contorna, na rúa Areal”. Tamén “a volta ás orixes de Zona Franca, onde empezou hai 75 anos, cunha nave no peirao de Areal” e que “estará aberto á cidadanía”.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de “extraordinaria” a recuperación do edificio e definiuna coas ideas de “sensibilidade, respecto polo patrimonio, luz, intelixencia para enchelo de contido, aposta pola cidade e ganas de impulsar Vigo”. Destacou o labor do delegado do Estado porque “Zona Franca no centro será un revulsivo para a cidade. Este edificio é un orgullo para os vigueses”, concluíu.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo ofrecerá toda a planta baixa deste histórico edificio vigués para que se poidan organizar reunións ou cursos no centro da cidade; varias salas de diferentes tamaños, aulas e o propio auditorio, de 140 metros cadrados e 126 prazas, que son ampliables, configuran a oferta aberta á cidade para a que se establecerá un sistema para a reserva de espazos.
No acto de posta en servizo descubríronse os segredos do edificio, que se puxeron en valor tras a reforma, o máis rechamante un pozo subterráneo, cunha escaleira de pedra de acceso, que agora se pode ver ao instalar un cristal e iluminación pero que permanecera oculto durante décadas. Os técnicos da reforma estiman, tras a análise dos planos, que o pozo se construíu á vez que a casa particular inicial e que, na ampliación que se realizou para o Goberno Militar, quedou oculto. Non descartan que logo puidese utilizarse como almacén de obxectos que os seus moradores non querían que visen a luz.