Escoitar

Abel Caballero prepara a Conferencia de Presidentes con trece expertos na pandemia

O alcalde reúne na tarde deste martes por videoconferencia ao seu consello asesor de Sanidade, trece profesionais “de altísimo nivel” e distintos ámbitos (medicina, investigación ou inmunoloxía) cos que abordará o estado actual da crise sanitaria. Xunto aos presidentes autonómicos, Caballero participará este mércores na Conferencia de Presidentes convocada por Pedro Sánchez.

martes, 21 dec 2021
O alcalde, ao inicio da reunión, celebrada de forma telemática.
O alcalde, ao inicio da reunión, celebrada de forma telemática.

A cita será telemática desde as catro e media da tarde deste mércores, presidida polo titular do Goberno de España, Pedro Sánchez, e coa presenza dos presidentes autonómicos e de Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias.

Con vistas á súa participación na Conferencia, Caballero reúne este martes a un grupo de expertos na materia, “da xente que máis sabe da pandemia en España”, afirmou. Son un total de trece profesionais “de altísimo nivel”, médicos, directores de investigación e persoas procedentes do mundo da inmunoloxía, segundo detallou. “Quero coñecer moi ben que din os profesionais”, trasladou o alcalde, para formar unha opinión de cara á cita do mércores.

En calquera caso, Abel Caballero apelou ao “sentido común” e a “vacinarse, vacinarse e vacinarse” como a “mellor arma” na loita contra o Covid. En segundo lugar, o alcalde recomendou “moita prudencia” neste sexta onda: “Estou moi satisfeito porque vexo que a prudencia en Vigo é total”. Ante a festividade do Nadal, o alcalde chamou a celebrar “cantas menos reunións familiares, mellor” e en todo caso, facelas con “moita precaución e moita prudencia”.

“Vacina, máscara e prudencia”, resumiu Caballero este martes e puxo en valor a súa presenza por terceira vez na Conferencia de Presidentes: “O alcalde de Vigo forma parte da Conferencia de Presidentes de España, formo parte do Consello Interterritorial de Saúde... Este é o nivel no que está esta cidade, formamos parte do núcleo que toma as decisións do conxunto de España, estamos satisfeitos de ter ese papel”.

Descargar todas as imaxes