O Pleno concede as Medallas da cidade aos servizos básicos da pandemia e a Susana Rodríguez Gacio
A Corporación Municipal celebrou este xoves un Pleno extraordinario no que se aprobaron as propostas para recibir os galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos e para as Medallas da Cidade, que se entregarán o vindeiro luns, 15 de novembro, no Auditorio Mar de Vigo.
A unanimidade do Pleno deu luz verde á concesión das Medallas da Cidade do ano 2021 á atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio e aos servizos esenciais que traballaron durante a pandemia para atender a cidadanía: supermercados, farmacias, panaderías, colectivos de limpeza e desinfección, ámbitos de atención parasanitaria, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, colectivos de prensa e papelería, colectivos de transporte de mercadorías e de pasaxeiros que garantiron o abastecemento.
Na sesión plenaria extraordinaria quedaron aprobados tamén os premios Viguesas e Vigueses Distinguidos de 2021 que son para Francisco Castro, director de Editorial Galaxia e escritor; Nico Rodríguez, medallista olímpico; Antonio Estévez, xornalista deportivo; os centros educativos que cumpren 50 anos: Martín Codax, Fonte Escura e Cristo da Vitoria; Antonio Coello, ex subdelegado do Goberno en Pontevedra e ex concelleiro de Vigo; os mercados municipais de Vigo: Bouzas, Calvario, Travesas, Progreso, Cabral, Berbés e Teis; a Escola Municipal de Artes e Oficios e un galardón ex aequo para as traballadoras sociais, educadoras sociais, técnicas de inclusión social, servizo de atención no fogar do Concello de Vigo e para cos catro comedores sociais: a Fundación Casa da Caridade de Vigo - Hogar San José, Misión do Silencio, o comedor do Albergue Municipal e a Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado (AFÁN).
O voceiro socialista, Carlos López Font, destacou que esta xornada representa un “día de recoñecemento ao que representa a cidade”, mentres o edil non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que se excluíran as súas propostas e Rubén Pérez, concelleiro do grupo mixto, lamentou que non se tiveran en conta as propostas de tódalas formacións.