Concello e Deputación investirán na cidade 16 millóns en nove actuacións
O organismo provincial aportará case 11 millóns de euros e o goberno local máis de 5 para acometer nove novas obras na cidade ata o ano 2023. Entre elas destacan tres actuacións no Vigo Vertical; humanizacións como a da Avda. Castelao, Martínez Garrido ou San Roque; a primeira fase da recuperación dunar do paseo de Samil e a cobertura do patio do colexio Javier Sensat.
Abel Caballero e Carmela Silva asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución dun plan de investimos para a cidade no marco 2021-2023 coa finalidade de mellorar a mobilidade urbana sostible na cidade.
O importe do convenio entre ambas administracións é de 15.795.204,71 euros dos cales 10.783.752,48 euros achégaos a institución provincial e 5.011.452,23 o Concello. En total son 9 actuacións que inclúen a humanización de Martínez Garrido na Fase IV, a mellora da accesibilidade peonil na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Romil e Hispanidade e outra actuación entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. Dentro do programa Vigo Vertical inclúese tamén unha conexión mecánica entre Travesía de Vigo e Aragón.
Iniciarase a recuperación do sistema dunar de Samil, ademais de acometer humanizacións en San Roque, entre Gregorio Espino e Reiseñor; na avenida de Castelao, entre a rotonda do Alfageme e Doutor Darío Durán. Tamén a Deputación e o Concello asinaron a mellora dos firmes nos viais municipais por valor de 3.100.000 euros e a cubrición do patrio do colexio Javier Sensat cun orzamento previsto de 361.659,90 euros.
O alcalde amosou a súa satisfacción coa institución provincial, “gran aliada da cidade” e lembrou que hai máis acordos de colaboración coa Deputación, como a reforma do estadio de Balaídos.