O Plan Xeral, en información pública ata o 18 de xaneiro: “Queremos que a consulta se realice con sosego”
Unha vez o DOG publicou este venres o anuncio, o prazo de exposición pública do novo PXOM comeza este luns e finaliza o 18 de xaneiro, ambos incluídos. O documento pode ser consultado na web e na oficina habilitada no Mar de Vigo durante tres meses, un máis do establecido: “Unha exposición pública con transparencia para que todo o mundo coñeza ben o Plan”, manifestou o alcalde.
Pese a que a normativa marca dous meses, o Concello decidiu ampliar o período de exposición pública e presentación de alegacións ata os tres meses. O Diario Oficial de Galicia publicou este venres o anuncio de aprobación inicial do Plan Xeral, abrindo o prazo oficial: desde este luns, 18 de outubro, ata o próximo 18 de xaneiro, ambos incluídos.
“Queremos que a consulta se realice con sosego, con tranquilidade”, afirmou este venres o alcalde, quen recordou que o Concello que preside vén de abrir unha oficina nos baixos do Auditorio Mar de Vigo, na Avenida de Beiramar, cunha copia do documento en papel e doce ordenadores dispoñibles. Con cita previa, tamén é posible resolver as dúbidas e obter asesoramento personalizado por parte dun técnico de Urbanismo. Existen dúas vías para solicitala: a través da web citaprevia.vigo.org ou no número de teléfono 986 616 388 (en horario de oficina, de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas).
O novo PXOM tamén está colgado na web municipal e as Asociacións de Veciños dispoñen de planos coa ordenación detallada de cadansúa parroquia. Abel Caballero puxo en valor “unha exposición pública con transparencia para que todo o mundo coñeza ben o Plan”. As alegacións poden tramitarse de forma telemática, en calquera rexistro oficial e tamén na propia sede municipal da Avenida de Beiramar, onde o Concello habilitou un rexistro auxiliar.