Escoitar

O Concello anima á cidade a sumarse aos Special Olympics 2021

O pavillón das Travesas acollerá este sábado 16 de outubro os XXVI Xogos Autonómicos de Fútbol Sala para persoas con discapacidade intelectual coa participación de catro asociacións de toda a comunidade.

venres, 15 out 2021
Manel Fernández, Eladio Fernández, Yolanda Aguiar, Mónica Vázquez e José Manuel Vila co cartel do evento
Manel Fernández, Eladio Fernández, Yolanda Aguiar, Mónica Vázquez e José Manuel Vila co cartel do evento

A concelleira de Política Social e o concelleiro de Deportes participaron este venres na presentación do Special Olympics Galicia 2021 que se celebra co apoio do Concello.

Yolanda Aguiar, edil de Política Social felicitou á organización do evento por desenvolver este “proxecto de inclusión de éxito” e trasladou o seu ánimo aos corenta deportistas que van participar na competición.

Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia e da Asociación San Francisco explicou que sumarán máis de corenta deportistas de catro asociacións de toda a comunidade e referiuse aos xogos como unha oportunidade para “amosar as capacidades das persoas con discapacidade”, avogando pola inclusión das persoas con discapacidade “en tódolos campos” da sociedade. Agradeceu o apoio municipal á cita para que deportistas como Mónica Vázquez, que estivo tamén na presentación, poidan demostrar o seu talento.

Por último, Manel Fernández, concelleiro de Deportes de Vigo aludiu á cita como unha “referencia na cidade” e augurou que a xornada será un “momento de ledicia para deportistas e para a cidadanía, unha xornada de integración e convivencia”.

Na rolda de prensa celebrada no consistorio estivo tamén José Manuel Vila, xerente da Asociación San Francisco.

 

Manel Fernández, Eladio Fernández, Yolanda Aguiar, Mónica Vázquez e José Manuel Vila co cartel do evento
Descargar todas as imaxes