Escoitar

O alcalde celebra que Vigo recupere MINDTECH como referente industrial no ámbito internacional

Abel Caballero avanzou esta mañá que a organización de MINDTECH permite volver a trazar unha parte da economía que foi golpeada pola pandemia. Neste contexto felicitou a promotores e expositores pola súa “valentía”.

martes, 14 set 2021

O alcalde trasladou esta mañá o seu agradecemento aos participantes en MINDTECH, a feira industrial de referencia no Polo Ibérico que se desenvolverá no Ifevi entre hoxe e o próximo xoves 16 de setembro. No seu discurso inaugural, felicitou tamén a ASIME, como promotora, pola súa “valentía asumindo riscos” na organización desta segunda edición dun evento de periodicidade bianual no que están presentes as empresas líderes do sector industrial do metal e as súas tecnoloxías asociadas a nivel nacional e internacional.

Reivindicou Vigo como a cidade da economía dado que non ten rango administrativo coa industria como núcleo central, nun momento, ademais, no se inicia unha das etapas máis importantes do sector. Á capacidade de producir, á tecnoloxía, á sustentabilidade, á incorporación da muller en igualdade de condicións, súmase na actualidade a globalización, un termo que na cidade “xa coñecemos ben”. Atribuíu á industria durante os últimos séculos a mellora da calidade de vida dos cidadáns, incorporando tecnoloxía que nos permite facer mellores produtos con mellores condicións laborais e coa conectividade e a sustentabilidade como eixos. Reiterou o seu “orgullo” como alcalde por contar na cidade con empresarias e empresarios como os expositores en MINDTECH “pola importancia que ten estar ao fronte dunha empresa nos malos momentos”.

Na súa quenda de palabra, Caballero amosou a súa satisfacción por poder estar de novo neste salón profesional recuperando o trazo dunha parte da economía “unha vez que a pandemia rompeu as tradicionais canles de comunicación”. Cualificou de éxito colectivo “extraordinario” ter sido capaces de vencer ao virus desde diferentes ámbitos.

 


Abel Caballero estivo acompañado na inauguración polo presidente de MINDTECH, Justo Sierra, polo representante de Abanca, Lino Comesaña, polo delegado da Zona Franca, David Regades, pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

 

Descargar todas as imaxes