Caballero eloxia a capacidade tecnolóxica do sector aeronáutico galego
O IV Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial celebrouse esta mañá no Auditorio Mar de Vigo, como paso previo á feira Mindtech que abrirá as súas portas mañá no Ifevi. Caballero felicitou a organizadores e participantes e deulles as grazas por elixir Vigo.
Abel Caballero participou esta mañá na inauguración do IV Congreso Internacional Aeronáutico e Espacial que se celebrou esta mañá no Auditorio Mar de Vigo. Acompañado por Enrique Mallón, presidente do Consorcio Aeronáutico Galego, o alcalde situou o sector da mobilidade aérea como un dos eixos centrais do desenvolvemento industrial e, por tanto, económico. “Sodes líderes dunha industria de altísima tecnoloxía que seguirá revolucionando a mobilidade e a modernidade en Galicia”, dixo. Ao longo da súa intervención, lembrou que a pandemia amosou que “cando paran os voos queda paralizado o planeta”, instando á necesidade de recuperar a mobilidade de xeito inmediato. Defendeu a mellora da aeronaves e dun sistema ecoloxicamente máis sostible cada vez, dirección na que xa está a traballar o sector da aeronáutica.
O rexedor rematou o seu relatorio agradecendo a todos os presentes a súa estadía na cidade e animounos a “gozar da cidade máis bonita do mundo”.