Escoitar

Vigo avala o estudo que propón ampliar e mellorar a condución de auga desde Eiras á cidade

A empresa redactora presentou ao Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Vigo o estudo de alternativas para garantir o abastecemento na área viguesa a longo prazo. Para Vigo se avoga por incrementar a capacidade de condución desde o encoro e por construír unha captación de auga desde o Verdugo e o Oitavén para casos de emerxencia. “Cremos que é unha moi boa solución”, valorou Caballero.

mércores, 8 set 2021
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.
Abel Caballero, este mércores en rolda de prensa.

A Comisión de Seguimento para o abastecemento de agua a Vigo e a súa área reuniuse este martes e tomou coñecemento do estudo de alternativas elaborado durante máis de ano e medio pola empresa Prointec. A finalidade do estudo é mellorar a regulación e o almacenamento de auga para garantir o seu abastecemento a Vigo e outros catorce municipios do entorno: Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán, Gondomar, Tui, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes.

Explicou o alcalde que, para o traballo, a compañía valorou criterios ambientais, económicos e administrativos e analizou varias posibilidades, como por exemplo a construción de novos encoros nos ríos Oitavén e Verdugo, o bombeo de augas desde o Miño a Eiras e Zamáns e incluso unha desaladora. A alternativa pola que se decanta para a consecución dos obxectivos non é única, senón que opta pola execución de varias actuacións.

Para a cidade de Vigo, explicou Caballero, considera conveniente facer, a longo prazo, un pequeno encoro augas arriba do de Eiras, no leito do río Oitavén. Máis inmediato sería mellorar a condución de auga desde Eiras ata Vigo, en especial no túnel de Amoedo, para duplicar a súa capacidade e, en paralelo, habilitar un punto de captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo para casos de emerxencia.

“Toda a nosa auga virá dos ríos Oitavén e eventualmente do Verdugo, que é de altísima calidade”, manifestou este mércores Caballero, satisfeito co resultado do estudo. O rexedor asegurou que a cidade terá que reforzar a conexión entre as Estacións de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Casal -punto de entrada desde Eiras na rúa Cantabria- e de Valladares.

No tocante aos concellos da área, a empresa redactora tamén ve oportuno dispoñer dun transvase de auga desde o río Miño a Zamáns e conectar o encoro coas redes de Nigrán e Gondomar, informou Caballero. Así, Zamáns fornecería ao Val Miñor, mentres que, ben en alta ou xa potable, Vigo continuará proporcionando auga aos municipios aos que xa abastece hoxe en día.

“Visto desde os redactores do estudo e visto desde o goberno de Vigo, nos parece a forma axeitada”, sinalou o alcalde ao respecto da resolución do problema da auga no sur da provincia. “É unha gran decisión, que enfoca definitivamente a solución do abastecemento de auga a Vigo, mantendo a altísima calidade de auga da cidade”.

Descargar todas as imaxes