Escoitar

O Pleno ratifica a aprobación inicial do novo Plan Xeral

A Corporación, reunida este xoves en sesión extraordinaria, validou o documento co apoio do goberno de Vigo, a negativa do Partido Popular e a abstención de Marea e do concelleiro non adscrito. O alcalde destacou as liñas estratéxicas do documento: seguridade xurídica, vivenda accesible, espazos verdes, dotacións públicas, novas conexións viarias e solo industrial.

xoves, 26 ago 2021
O alcalde, xunto aos tenentes de alcalde, ao remate da votación.
O alcalde, xunto aos tenentes de alcalde, ao remate da votación.

O novo planeamento municipal vigués continúa avanzando na súa tramitación administrativa cara a súa entrada en vigor. Tras ser avalado polo Consello da Xerencia de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local, este xoves pasou polo Pleno a aprobación inicial do documento, que será agora exposto ao público para coñecemento e eventual presentación de alegacións ao mesmo.

A tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, anunciou que o Concello elevará o prazo de exposición pública aos tres meses -cando o habitual son dous- e ademais habilitará un espazo no que técnicos municipais e do equipo redactor do PXOM explicarán, informarán e aclararán as dúbidas dos cidadáns, un lugar no que tamén se poderán presentar obxeccións ao documento. Tanto o alcalde como Caride amosaron a disposición municipal a incorporar alegacións ao Plan, para o que se continuará cun diálogo “aínda máis intenso”, en verbas de Caballero, cos distintos colectivos da cidade.

No salón de Plenos, Abel Caballero resumiu os eixos fundamentais que sosteñen o novo PXOM, co cumprimento da normativa estatal e autonómica para, como primeiro obxectivo, dotar de seguridade xurídica ao urbanismo vigués. En paralelo, o alcalde citou a incorporación de 15.000 vivendas con algún tipo de protección -en parte promovidas polo propio Concello-, espazos para novas zonas verdes e dotacións públicas para ámbitos culturais, lúdicos e deportivos, e solo industrial “ao máximo das posibilidades da cidade”. Tamén nomeou as novas vías de comunicación para resolver problemas como a unión de Arquitecto Palacios coa Avenida de Castrelos ou a integración da autoestrada na cidade. Concluíu o alcalde afirmando que este é “o Plan que Vigo necesita neste momento”, asegurando que “permaneceremos permeables” ás alegacións para que o texto sexa “mellorado”.

Na exposición inicial do contido do Plan Xeral, a concelleira de Urbanismo subliñou a incorporación de espazos libres e zonas verdes para duplicar o ratio actual existente e pasar dos 5,2 de hoxe a 10,2 metros cadrados por habitante. Igualmente salientou a preservación do patrimonio industrial existente, as case 15.000 vivendas que recolle con algún tipo de protección e a superficie reservada para construír infraestrutura pública ao longo da cidade.

A aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo saíu adiante cos votos favorables do grupo do goberno de Vigo e a abstención do edil non adscrito e dos dous concelleiros de Marea de Vigo. Os catro representantes do Partido Popular opuxéronse. Xusto antes, dúas emendas presentadas por Xabier Pérez Igrexas, e apoiadas por Marea, foron rexeitadas, ao absterse o PP e votar en contra o grupo socialista.

Participación

Boa parte do debate proposto polos corporativos este xoves xirou sobre a participación cidadá na elaboración do documento, que leva algo máis de dúas semanas dispoñible para descarga na web municipal, previa á súa aprobación inicial. A tenente de alcalde trasladou aos edís que o Concello mantivo ducias reunións con numerosos colectivos sociais e veciñais para a exposición e consulta do texto.

A oposición, pola súa banda, asegurou que o Plan se aproba “de costas á cidadanía, sen participación cidadá” e cos votos favorables dun único grupo político. Os voceiros dos partidos coincidiron en solicitar que se implique ás asociacións e ir máis aló de citalas e explicarlles o documento, para traballar “en detalle e con planos”. O grupo socialista defendeu que se celebraron reunións con corenta e un colectivos e, engadiu Font, ademais obtivo o respaldo de urbanistas, sectores económicos, empresariais, profesionais e sociais.

Por último, María José Caride respondeu recordando as entrevistas celebradas e apuntando que, unha vez xa foi aprobado inicialmente o PXOM, se convocará novamente aos colectivos para manter máis reunións con eles. Insistiu a tenente de alcalde no espazo que se disporá para que os interesados poidan coñecer o documento da man de técnicos municipais e do equipo redactor, que se duplicará o rexistro da Xerencia para recibir alí mesmo alegacións e se manterá a consulta e presentación de obxeccións en formato telemático.

O alcalde, xunto aos tenentes de alcalde, ao remate da votación.
Descargar todas as imaxes