Escoitar

Vigo converte Cíes nun “laboratorio artístico” con certames audiovisuais, de graffiti e banda deseñada

O Concello abriu o prazo de inscrición para a segunda edición do Desafío Audiovisual Illas Cíes -de fotografía e curtas- e para o Cíes Talent, concurso de nova creación para graffiti e banda deseñada. Caballero explicou que se pretende consolidar a candidatura das illas a Patrimonio Mundial da Unesco desde o punto de vista creativo.

luns, 9 ago 2021
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa

A cidade avanza no proceso para conseguir que as illas Cíes sexan declaradas Patrimonio Mundial da Unesco, unha candidatura que pilota o Concello, avalada por científicos e investigadores e que agora busca ensanchar as súas fortalezas a través da creatividade e da cultura, convertendo ao arquipélago vigués nun “laboratorio artístico”, en verbas do alcalde.

O Concello acaba de abrir o prazo para presentar os proxectos tanto no II Desafío Audiovisual Illas Cíes como no Cíes Talent, certame de nova creación este ano. En ambos casos poden consultarse as bases na web ciespatrimonio.org.

No primeiro concurso, Vigo retoma o Desafío que tan ben funcionou no 2019 coa mesma dinámica: os candidatos poden presentar as súas ideas, ben para fotografía ou para curtas, e os seleccionados compartirán estadía nas illas do 19 ao 23 de setembro, para promover a interacción cun entorno inspirador. O Concello asumirá o orzamento das actividades, a viaxe, aloxamento e mantemento dos equipos. O prazo de presentación dos proxectos pecharase o 3 de setembro.

O Cíes Talent estrease este ano como certame de arte urbana para graffiti e banda deseñada, sempre baixo a temática do arquipélago vigués, a protección do medio ambiente e a sostibilidade. O Concello, explicou Caballero, elixirá sete candidaturas de cada disciplina, que recibirán apoio económico para desenvolver as súas obras e expoñelas na cidade e na Rede de Museos Municipais do Concello de Vigo. Os interesados poden presentar as súas propostas ata o 6 de setembro no caso do graffiti e ata o día 10 para a banda deseñada.

Abel Caballero, este luns en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes