Escoitar

O goberno de Vigo completa a humanización da rúa Aragón cun investimento de 570.000 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto de obras de humanización da fase VI da rúa Aragón, que rematará a súa renovación total. Amais, quedou adxudicada a mellora de firmes en 14 vías do rural por 1 millón de euros.

venres, 11 xuñ 2021

Segundo explicou o alcalde, as actuacións previstas contemplan unha nova pavimentación en beirarrúas, vados e calzada, a substitución de redes, a mellora da iluminación, a modificación da rede semafórica, plantacións e arborado así como a instalación da rede de rega por goteo. Remata así a humanización completa da rúa Aragón.

Ademais o rexedor lembrou que neste ámbito, o goberno de Vigo ten previstas outras dúas actuacións dentro do programa Vigo Vertical para conectar cun ascensor e unha rampla mecánica a rúa Aragón con Travesía de Vigo.

Humanizacións no rural
A Xunta de Goberno local vén de aprobar tamén a adxudicación da contratación das obras do proxecto de humanización e construción de beirarrúas na estrada José Rivas por case 200.000 euros, incluído no Plan de Humanizacións asinado coa Deputación de Pontevedra. O alcalde explicou que se construirá unha beirarrúa de 1,50 metros de ancho ao longo de medio quilómetro e, amais, acometerase a canalización de pluviais, canalización de iluminación exterior e a construción de dous pasos de peóns elevados.

Quedou aprobada tamén na mesma sesión a adxudicación da contratación das obras dos proxectos de mellora dos firmes en vías do rural, Fase II, que ten un importe de 1 millón de euros e que inclúe as seguintes rúas: Sarabio, Lavadores, 30,000 euros; Camiño Noiana, Lavadores, 42.000 euros; Penís de Abaixo, Cabral, 111.000 euros; Aguadiña, Sampaio, 30.000 euros, Areeiro, Sampaio, por 93.00 euros; Vista do Mar, San Xoán, 109.000 euros, Coutadas, na Salgueira, 44.000 euros, Abade Juan de Bastos, Matamá, 51.000 euros, Subida as Relfas, Sárdoma, 30.000 euros; Estrada Fragosiño, Sárdoma, 70.000 euros; Relfas, en Beade, 47.000 euros; Eifonso, en Bembrive, 85.000 euros; Costa da Gándara, Beade, 61.000 euros e Pouleira, en Beade, 54.000 euros.

Abel Caballero destacou a "inmensa atención ao rural na cidade" con "centos e centos de humanizacións", e engadiu ás xa mencionadas as obras que se están executando na Estrada da Balsa ou na estrada da Vía, en Beade cun orzamento de 3 millóns de euros.

 

Descargar todas as imaxes