Escoitar

O goberno de Vigo incorpora outros 13,1 millóns do aforro para unha decena de actuacións

Abel Caballero informou este venres da decisión, que adica fondos para a segunda fase das ramplas mecánicas da Gran Vía, o novo elevador entre García Barbón e Vía Norte, o paseo de Bouzas, a demolición do Camaleón e para un novo local para a Federación de Peñas do Celta, entre outros. O Concello xa sumara a finais de ano outros 35,8 millóns dos remanentes municipais.

venres, 12 mar 2021
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa presencial e telemática
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa presencial e telemática

O Concello amplía en 13,1 millóns de euros os seus recursos orzamentarios con cargo aos remanentes municipais. O alcalde informou do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local celebrada este venres, unha “aprobación moi importante” que destina cartos para unha decena de obras.

Do total, asígnanse 3 millóns de euros ao futuro ascensor que unirá García Barbón co teito da estación de Vialia á altura da Vía Norte, o deseño circular bautizado como Halo polo estudo gañador do concurso de ideas lanzado polo Concello e que presenta un orzamento total de 7,21 millóns. Tamén do Vigo Vertical aparece outra partida de 4,6 millóns de euros para a segunda fase das ramplas mecánicas da Gran Vía, para continuar o proxecto polo bulevar desde a rúa Venezuela ata a Praza de España.

Na explicación en rolda de prensa, Caballero outorgou relevancia aos 3,7 millóns adicados ao novo paseo de Bouzas, unha “obra colosal de importancia capital” que converterá a fronte marítima do casco histórico nun espazo con zona verde, carril bici e acceso á praia, que será “un dos grandes paseos de Vigo”. O Concello tamén asigna 125.000 euros a un novo local nos baixos da bancada de Tribuna, no estadio municipal de Balaídos, que acollerá a oficina de obxectos perdidos da Policía Local e “especialmente” a sede da Federación de Peñas do Real Club Celta de Vigo: “Queremos que teñan un local digno. A nosa atención ás peñas é continua e a nosa relación con elas é moi fluída”, subliñou o alcalde.

Adicionalmente, e con cargo aos remanentes, tamén se acometerá a demolición do Camaleón, en Samil, cunha partida de 160.000 euros, e se completarán algunhas outras obras, como a humanización da estrada do Porto (737.000 euros), o pavillón de Quirós (465.000 euros), reparacións de filtracións de agua na planta baixa do Concello (55.000 euros) e os campos de fútbol de A Guía (155.000 euros) e de Fragoselo (95.000 euros).

“Polo tanto, o conxunto do que acabamos de aprobar é de 13.091.000 euros”, indicou Caballero, quen recordou que a finais de 2020 o goberno que preside recorreu aos remanentes para financiar actuacións por valor de 35,8 millóns, co que a mobilización nestes investimentos se elevan a 48,9 millóns de euros. Ademais, o alcalde explicou que o Concello vén de trasladar 60,2 millóns de euros do orzamento do ano pasado ao actual e “polo tanto neste momento na cidade de Vigo, e con cargo a remanentes, estamos a facer investimentos por valor de 109,1 millóns, o investimento máis importante de ningunha cidade de Europa en proporción á poboación”, asegurou.

“A xestión económica dun Concello é importantísima”, concluíu Caballero, xa que “nos permite facer incorporacións masivas de aforro, pola boa xestión e as boas contas do Concello de Vigo e por non ter débeda”.

Descargar todas as imaxes