Concello e Deputación adicarán 342.000 euros á remodelación do campo de fútbol da Guía
Abel Caballero e Carmela Silva presentaron aos clubs que alí compiten o proxecto de mellora do recinto, obras que se acometerán no verán para non interferir coa actividade deportiva e que dotarán ao campo dun céspede de herba artificial de última xeración e de novas instalacións eficientes de iluminación e auga quente.
Trátase dunha “mellora notable”, en verbas de Caballero durante a visita, que incluirá céspede de herba artificial de última xeración, a reparación dos canais de recollida de augas pluviais e do rego e a renovación das instalacións de iluminación do campo e de produción de auga quente nos vestiarios, ambos en base a criterios de eficiencia enerxética para reducir a demanda de enerxía, o seu custo e impacto ambiental.
Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra costean a obra. O importe se eleva a 342.000 euros e os traballos comezarán no verán, unha vez rematado o actual curso futbolístico. O mesmo sucederá coa reforma do campo de Fragoselo, en Coruxo, tamén abonada polas administracións presididas por Caballero e Silva cun importe de 212.000 euros, e que igualmente agardará ao período estival para a dotación dun novo céspede artificial, de tal forma que estea dispoñible ao inicio da seguinte tempada.
Na Guía, e ante os responsables do CD Teis e do CD A Guía, o alcalde recordou que “no último mandato dupliquei as axudas ao deporte, incluídos os clubs que xogan aquí”, agradeceu ás entidades o seu “traballo e dedicación” e á Deputación encabezada por Silva os “millóns de euros que agora flúen á cidade de Vigo”. Caballero manifestou que “seguiremos apoiando aos clubs e ao campo” e definiu o deporte como “unha forma de vertebrar a cidade”.
Por parte do ente provincial, Carmela Silva asegurou que "estamos facendo unha enorme renovación das instalacións deportivas (ata 10 campos) e seguiremos apoiando a revolución do século XXI que é o deporte. Isto non acontecía ata agora, os investimentos da Deputación en Vigo son unha realidade".
Santa Mariña e o Vao
O da Guía e o de Fragoselo non son os únicos campos que se mellorarán este verán. Segundo explicou o alcalde en rolda de prensa posterior, o Concello acometerá reformas no Vao e en Santa Mariña, no primeiro por importe de 642.500 euros para dotalo de novo céspede de herba natural, mellora do drenaxe e rego, nova iluminación e un espazo de quecemento para os xogadores.
En segundo lugar, o recinto de Cabral presenta un orzamento de medio millón de euros para un novo céspede de herba artificial, un novo colector para os servizos soterrados e sistemas enerxéticos eficientes (iluminación e caldeira de biomasa). Os catro terreos de xogo nos que se actuará este verán totalizan un investimento de 1,7 millóns de euros, detallou Caballero.
Por outra banda, o goberno de Vigo traballa no proxecto de mellora das instalacións de luz e enerxía no campo de fútbol de Samil, cun orzamento estimado de 175.000 euros, e ten en estudo a segunda fase da remodelación do Carballal, por algo máis de medio millón de euros. En total, a actuación municipal neste eido supera os corenta terreos de xogo.