O Concello inicia a tramitación para regularizar o fronte marítimo de Bouzas
O Concello iniciou a tramitación para ordenar e recuperar a fachada marítima de Bouzas amparándose nunha disposición transitoria da Lei de Costas. Con ese obxectivo, o goberno local tratará de modificar o Plan Especial de Bouzas para regularizar unha situación que desde o ano 2006 afecta a 24 parcelas.
Na Xerencia de Urbanismo tomouse coñecemento esta mañá da incoación da tramitación do estudo detalle da fachada marítima de Bouzas -desde a igrexa ata a urbanización Sotavento - co obxectivo de ordenar ese espazo en aplicación dunha disposición transitoria da Lei de Costas que xustifica unha situación de excepcionalidade. Tal e como explicou o rexedor, esta situación vén do ano 2002, cando se aprobou o Plan Especial de Bouzas e se lle outorgou á zona a edificabilidade correspondente a unha zona de dominio portuario. No ano 2006, a Autoridade Portuaria desafectou este espazo, que pasou a ser de dominio público marítimo terrestre. A partir de ese momento e por aplicación directa da Lei de Costas considerase que, unha vez delimitada a liña de mar, as construcións non poden estar a menos de 20 metros en solo urbano consolidado.
A Lei de Costas establece unha disposición transitoria que determina excepcións e o Concello trata de adaptar o Plan Especial neses supostos. De feito, estudo detalle pretende regularizar unha situación que afecta a 24 parcelas situadas en 4 mazás coa pretensión de regularizar este fronte marítimo.
Tal e como explicou o rexedor, antes da aprobación e co informe previo da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, o Concello vai pedir informes á Dirección Xeral de Costas do Estado e á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. O alcalde confiou en que a proposta municipal saia adiante porque “é unha das zonas extraordinarias da cidade e está nun estado lamentable”. Esta recuperación coincidiría ademais nun momento no que o Concello vai acometer unha rehabilitación do paseo cun orzamento de 2,5 millóns.