O goberno municipal forma 20 mozas e mozos co programa de emprego "Vigo Capacita VII"
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto "obradoiro de emprego Vigo capacita VII" que conta cun orzamento de 400.000 euros e cuxo obxectivo é a formación e cualificación do alumnado en especialidades de cociña e restaurante.
O rexedor explicou este luns en rolda de prensa que os vinte alumnos-traballadores participantes neste obradoiro de emprego aprenderán a especialidade de cociña e servizo en restaurante ao longo de nove meses, con data prevista de inicio o vindeiro 1 de xullo.
Cun orzamento de 400.000 euros, Caballero salientou que a mocidade participante, en situación de desemprego, percibirá o salario mínimo interprofesional ao tempo que adquire cualificación para o mercado laboral "saen cunha magnífica formación, saen moi ben formados", recalcou.
O obradoiro "Vigo Capacita VII" impártese nas dependencias municipais do Centro Cultural e Veciñal de Valadares.