O Concello abrirá “en días” a matrícula para a nova escola infantil de Bembrive
Este luns tivo lugar o acto formal de entrega da instalación, construída pola Fundación Amancio Ortega con 3,5 millóns de investimento. Abel Caballero avanzou que os usuarios de Santa Marta -que non abrirá o próximo curso pola obra do Barrio do Cura- terán “preferencia” na admisión.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este luns da vicepresidenta primeira da Fundación, Flora Pérez, as chaves da que será a novena escola infantil municipal, construída pola entidade nunha parcela municipal en Bembrive e doada ao Concello para a súa xestión.
Guiados pola arquitecta encargada do proxecto, o rexedor vigués e os máximos responsables da Fundación Amancio Ortega fixeron un percorrido polo edificio, que dará cabida a 82 nenos e nenas de cero a tres anos (16 ata o ano, 26 de un a dous, e 40 de dous a tres anos). En declaracións á saída do recinto, Abel Caballero valorou o “xesto” coa cidade e o deseño “excepcional” da escola, con “moita luminosidade e chea de espazo” e eloxiou o modelo: “Creo que é unha magnífica forma de colaboración desde o privado co ámbito público”.
“En tres ou catro días”, segundo avanzou o primeiro edil, o Concello de Vigo estará en disposición de abrir o prazo de matrícula para o curso 2021-2022. A este respecto, anunciou que os usuarios do centro municipal de Santa Marta terán preferencia para asistir á nova instalación de Bembrive, toda vez que esta terá que pechar temporalmente ante o avance da urbanización do Barrio do Cura. O goberno vigués prepara “outra solución” para aquelas familias que non queiran matricular alí aos seus nenos e nenas.
Caballero recordou que o Concello subvenciona de media un 82% do custo de cada praza municipal de cero a tres anos e subliñou que, por razóns de renda baixa, a metade non pagan nada.