Escoitar

O goberno local realizou 7.500 actuacións en 2020 co Programa socio-educativo e de apoio familiar

O alcalde realizou este mércores o balance da actividade deste servizo que atendeu a 400 familias e 1.270 usuarios e que reflicte "a nosa vocación de axudar ás familias". O goberno municipal destina 710.000 euros anuais a este programa.

mércores, 3 mar 2021
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O Programa socio-educativo e de apoio familiar que desenvolve o Concello ten como obxectivos a "mellora da calidade de vida e benestar social das familias", en palabras do rexedor, prestar apoio socio-educativo integral ás crianzas e previr situacións de vulnerabilidade, xa que unha parte das familias que participan neste servizo están en risco de exclusión social.

Abel Caballero explicou que a actividade do ano pasado amosa un incremento da familia monomarental, sendo o modelo maioritario: o 40% das familias usuarias de 2020, na que unha muller ten a cargo un ou dous fillos e presenta unha situación económica feble. Amais, é frecuente que nas familias existan patoloxías médicas e de problemática de saúde mental.

O informe de 2020 recolle que o Concello atendeu 400 familias e 1270 usuarios: 558 eran menores de idade, con 181 adolescentes e 350 dos usuarios do programa tiñan entre 25e 44 anos. O programa realizou 7.500 actuacións: 4.338 de xeito presencial e 3.170 telemáticas.

Cun orzamento de 710.000 euros anuais, o programa socio-educativo e de apoio familiar municipal conta cun equipo de traballo de 24 persoas: 10 educadores familiares, 2 psicólogas, 2 traballadoras sociais, 1 mediador intercultural, 1 auxiliar administrativa, 1 coordinadora, 5 educadores sociais e 2 educadoras de rúa.

Axudas de emerxencia
O goberno municipal aprobou, na comisión celebrada este martes, 138 axudas de emerxencia para familias por un importe de 29.062 euros. Segundo detallou o rexedor, 14 foron destinadas a cubrir gastos de aloxamento, 47 para alugueiros e as restantes para o pagamento de luz, auga ou mobiliario de primeira necesidade.

 

Descargar todas as imaxes