Escoitar

O albergue municipal garante a atención aos usuarios confinados que deron negativo e realizará novas PCRs esta semana

A concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar, confirmou este xoves que nos vindeiros días haberá novas probas e sinalou que desde o pasado outono xa se realizaron tres cribados masivos (outubro, novembro e febreiro) entre os usuarios e os traballadores, ademais do control diario de constantes vitais.

xoves, 25 feb 2021

O Concello de Vigo mantén a atención aos usuarios do albergue municipal de Marqués de Valterra que deron negativo nas PCRs realizadas nos últimos días e que quedaron confinados nas instalacións municipais. A concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar, confirmou este xoves que nos vindeiros días haberá novas probas e sinalou que desde o pasado outono xa se realizaron tres cribados masivos (outubro, novembro e febreiro) entre os usuarios e os traballadores, ademais do control diario de constantes vitais.

“O caso está controlado e coordinado co Sergas e a área sanitaria, de feito froito dos cribados sistemáticos de control detectouse un positivo, que foi comunicado de inmediato ás autoridades e púxose en marcha o protocolo de forma inmediata e rigurosa”, sinalou. As 11 persoas que deron positivo -10 usuarios e un traballador- foron trasladados a un centro disposto polo Sergas e os 29 usuarios restantes, que están sans e asintomáticos, continúan no albergue confinados. Ademais, tamén deron negativo outros 22 traballadores.

A concelleira lembrou que o primeiro positivo foi illado de inmediato nunha habitación individual no piso básico e que todas as persoas que resultaron contaxiadas teñen a súa praza garantida no albergue e poderán acceder de novo en canto reciban a alta. Pola súa banda, os que non deron positivo xa están sendo controlados en coordinación cos seus médicos de Atención Primaria e actualmente están illados nas instalacións municipais con equipos burbullas, de maneira que as súas necesidades están atendidas polos mesmos acompañantes e atópanse en habitacións sen contacto.

O Concello levou a cabo unha desinfección de todo o centro unha vez realizados os traslados dos positivos e reforzou o servizo de limpeza. O albergue tamén aberto o servizo de “tupper” exterior, pero suspendeu provisionalmente os servizos externos (hixiene, obradoiros, lavandería e sala de lecer) ata que finalice o período de confinamento decretado polas autoridades sanitarias.