Vigo celebra o día de Rosalía con poemas e paseos virtuais
Vigo conmemora este 24 de febreiro o nacemento de Rosalía de Castro con recitado dos seus poemas en distintas linguas -coa colaboración de profesorado e alumnado de colexios e da Universidade-, coa proxección dos seus textos nos autobuses urbanos e cun paseo literario virtual polo Vigo da autora. “Sempre que se trate de Rosalía, Vigo vai estar presente”, manifestou Abel Caballero.
Segundo trasladou este mércores o alcalde, a cidade celebra o día de Rosalía de Castro coincidindo co seu nacemento un 24 de febreiro, unha efeméride que, por mor da pandemia, terá que ser vivida principalmente de forma telemática. O Concello, segundo afirmou Caballero, recorda a figura dunha escritora que supuxo “unha revolución para Galicia, para a lingua galega”, que publicou en Vigo Cantares gallegos, a súa obra central, un 17 de maio de 1863. “Por iso sentímonos tan vencellados a Rosalía”, valorou.
O alcalde relatou as propostas municipais programadas para o Día de Rosalía. A canle de YouTube do Concello de Vigo alberga desde o mediodía o recitado de poemas da autora en diferentes linguas, entre as que se atopa o alemán, o checo ou o chinés, entre outros, “poñendo de relevo a universalidade de Rosalía”, manifestou. Para esta acción, contouse coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, da Biblioteca municipal Neira Vilas e do profesorado e alumnado da Escola Oficial de Idiomas e dos colexios Don Bosco, da EPA do Berbés, o Salesianos, o Otero Pedrayo, as Calasancias, o Pintor Laxeiro e o Vicente Risco, ademais de estudantes do programa Erasmus na Universidade de Vigo.
Ademais, as pantallas dos autobuses urbanos da cidade proxectarán ata o 3 de marzo poemas de Rosalía e tamén os versos que Curros Enríquez e Ramón Cabanillas adicaron á poetisa. Por último, o Concello organiza un paseo literario virtual polo Vigo de Rosalía, a través da app Vigo e da páxina web municipal, no apartado do servizo de Normalización Lingüística. “Sempre que se trate de Rosalía, Vigo vai estar presente”, concluíu o alcalde, por ser “parte central da historia de Vigo e de Galicia”.