Escoitar

Vigo inicia unha campaña de erradicación de pintadas nas rúas da cidade

Dous equipos de limpeza con cinco operarios iniciaron xa un plan especial de eliminación de pintadas en Vigo. O alcalde advertiu de que o Concello tamén mobilizará a policías de paisano e comezará a sancionar ás persoas que realicen grafittis.

luns, 22 feb 2021
O alcalde, durante a visita.
O alcalde, durante a visita.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asistiu este luns aos traballos de limpeza de pintadas na rúa Velázquez, nunha zona próxima a Urzaiz, que o Concello pon en marcha dentro dun plan especial para erradicar os actos vandálicos que afean diferentes lugares da cidade.

“Iniciamos unha campaña especial en rúas enteiras da cidade para borrar todas as pintadas e o vandalismo con grafittis”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia posterior en rolda de prensa. Os traballos xa comezaron con dous equipos con cinco operarios e dous sistemas diferentes en vehículos especializados para tal fin.

Así, os servizos de limpeza contan cun vehículo hidrolimpador dotado con auga quente a presión e un depósito de 800 litros e outro cun sistema de hidroareador de alta e baixa presión.

Segundo explicou o alcalde, en función do tipo de superficie a tratar e das características das pintadas, aplícanse diferentes técnicas de cepillado, auga nebulizada, proxección de áridos, raspado, limpeza con ácidos e axentes tensioactivos, decapantes ou resustitución da integridade da superficie tratada. Os equipos vanse centrar nas rúas Cervantes, Urzaiz e María Berdiales, pero xa actuaron nun total de 39 rúas.

Caballero tamén avanzou que o Concello vai a mobilizar policías de paisano para actuar contra os responsables das pintadas. “Non imos deixar que campen as súas anchas pintando a cidade de forma indesexable”, sinalou.

Descargar todas as imaxes