O alcalde reclama á Xunta de Galicia o informe de Sanidade para licitar a nova ETAP do Casal
“Estamos en situación de licitar, necesitamos recursos, uns 22,5 millóns, pero xa enviei o proxecto á Xunta, hai un ano que o ten, e antes de licitar ten que dar o visto e prace Sanidade, levamos un ano esperando, é un importante atraso”, sinalou Abel Caballero
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este venres á Xunta de Galicia que emita o informe de Sanidade para poder licitar a construción da nova Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Casal. “Estamos en situación de licitar, necesitamos recursos, uns 22,5 millóns, pero xa enviei o proxecto á Xunta, hai un ano que o ten, e antes de licitar ten que dar o visto e prace Sanidade, levamos un ano esperando, importante atraso”, sinalou o rexedor en rolda de prensa.
Segundo explicou, a ETAP do Casal fornece de auga a Vigo, Moaña, Cangas, Redondela e Mos, sen que a Xunta de Galicia teña previsto outros recursos alternativos para atender as necesidades deses concellos, a pesar de ser a administración competente e de que a configuración actual da planta non permite facer fronte aos incrementos de demandas no futuro.
Caballero apuntou que fai falla adaptar a planta ao novo marco normativo, necesidade que xa ven recollida nos propios documentos de planificación da Xunta. Así, o Plan de Abastecemento de Galicia, aprobado en maio de 2010, recolle a necesidade de construción dunha nova ETAP ou a mellora da existente no Casal.
Esta situación levou ao Concello de Vigo a redactar o proxecto de ampliación e modernización da ETAP do Casal, valorándose as obras en 22,7 millóns de euros, e o pasado 30 de marzo de 2020 o Concello de Vigo enviou á consellería a documentación necesaria relativa ao “proxecto de construción de ampliación e modernización da ETAP do Casal” para a emisión de informe sanitario vinculante.
Caballero relatou que tres meses despois a consellería solicitou documentación adicional, neste caso, o proxecto construtivo completo, e o 30 de xullo de 20 o Concello remitiulle a documentación solicitada. “Catro meses despois, a consellería volve requirir documentación complementaria e nuns días o Concello volve achegar a documentación requirida para os efectos de que emitan o informe sanitario vinculante, pero neste momento, dous meses e medio despois do último envío de documentación e tras 11 meses do primeiro envío, a Xunta segue sen emitir o informe sanitario vinculante que permite poñer en marcha o proxecto de ampliación e modernización da ETAP do Casal”, sinalou.
O alcalde insistiu na importancia para a cidade de Vigo e os municipios da contorna da execución da actuación, para a que solicitouse compromiso de financiamento por parte desa administración autonómica desde hai 10 anos. “Ante a inaprazable necesidade de afrontar as citadas obras para poder seguir cubrindo con garantías de calidade a medio e longo prazo o servizo que se presta á poboación de Vigo e resto de municipios da área, o Concello decidiu afrontar a execución das citadas obras”, engadiu Abel Caballero.
Así, o rexedor volveu solicitar “o máis rápido posible”, que a Xunta de Galicia indique a súa disposición para achegar os recursos económicos para a súa execución. “A resposta da Xunta é que recorramos a fondos europeos e que poñen técnicos da consellería á nosa disposición e levamos un ano de atraso pola inacción da Xunta de Galicia”, dixo durante a súa comparecencia.
Ademais, explicou que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, licitou en outubro de 2019 por 165.147,39 euros o estudo do proxecto de abastecemento de auga a Vigo e á zona sur de Pontevedra. Entre as alternativas inclúense o recrecemento da presa de Eiras, a construción dunha nova presa de augas arriba, unha captación no Verdugo, a construción dunha planta desalinizadora e a construción dunha toma de auga no río Miño.
Recurso pola explotación da presa da Eiras
Ademais, o alcalde informou de que a Xunta de Goberno Local aprobou a proposta de interposición de recurso contencioso administrativo contra a resolución de Aguas de Galicia do 26 de novembro de 2020, na que actualiza os organigramas e directorios de persoal das normas de explotación e do Plan de Emerxencia da presa de Eiras, así como o nomeamento do director de explotación.
“O que pretende esta resolución é substituír ao persoal da concesionaria municipal e así expulsar ao Concello da posesión que ostenta da presa aos efectos da súa conservación e mantemento e asumir así de feito a explotación, cando a competencia da presa de Eiras é do Concello e foi concedida polo Ministerio de Obras Públicas e publicada no BOE o 17 de agosto de 1962”, sinalou.
Caballero tamén aclarou que a resolución foi consecuencia da adxudicación por Augas de Galicia á unha empresa privada, contrato que o Concello de Vigo impugnou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con recurso contencioso administrativo ao tratarse dunha competencia municipal. Ademais, engadiu que o Tribunal Económico Administrativo xa paralizou en decembro de 2019 a pretensión da Xunta de Galicia de cobrar 655.000 euros polo mantemento da presa no ano 2014, importe que xa fora pagado polo Concello de Vigo.