O Concello obtén o apoio da ANPA de Santa Marta á apertura dunha nova escola infantil no Picacho
Abel Caballero considera a opción “boa para todos” (para as familias da escola do Casco Vello, para o seu profesorado, para o barrio e para o propio colexio) e reitera que “non hai escusa posible” para que a Xunta non retorne ao Concello a parte do edificio municipal que o Ramón y Cajal non utiliza.
“Seguimos na nosa posición de abrir unha nova escola infantil municipal no edificio do colexio”, afirmou este mércores o alcalde, que volveu demandar á Xunta de Galicia a devolución da parte do inmoble municipal que o CEIP Ramón y Cajal -coñecido como o Picacho- non está a utilizar actualmente.
O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, trasladou este mércores a proposta municipal aos pais e nais da escola infantil municipal Santa Marta e lles pareceu “moi ben”, segundo informou posteriormente o alcalde, quen engadiu que eles mesmos comunicarán esta alternativa ao ANPA do CEIP Ramón y Cajal.
O alcalde destacou que a idea municipal sería “a decisión perfecta, boa para todos”: para as familias usuarias da escola infantil Santa Marta, para o profesorado -que mantería o seu posto de traballo e no entorno-, tamén para a zona -que conservaría esta dotación pública- e para o propio colexio Picacho, que engadiría actividade docente de cero a tres no mesmo lugar e posiblemente lle proporcionaría alumnado de tres anos en adiante.
O goberno de Vigo xa traballa nos planos para a adaptación do espazo, explicou Caballero, quen afirmou que o edificio presenta unha “inmensa superficie infrautilizada” que daría cabida a unha nova escola infantil sen afectar ao colexio. O Concello está disposto a custear os gastos de adaptación e funcionamento de espazo, unha nova escola que permanecería operativa tamén cando conclúa a obra do Barrio do Cura e a administración local reabra alí a escola infantil do Casco Vello.
“E que vai facer a Xunta?”, cuestionouse este mércores Caballero. Para o rexedor, a negativa pronunciada pola delegada da Xunta na cidade “antes dos informes técnicos” evidencia que foi “unha decisión política”, polo que argumenta que “non hai escusa posible”: “Dicir que non a esta proposta do Concello volverá a ser unha decisión antiVigo que toma a Xunta de forma gratuíta e para facerlle dano á cidade”.