Escoitar

Vigo reabre as instalacións culturais coa modificación das medidas “anticovid”

Museos, auditorios, bibliotecas e escolas municipais de Vigo regresan á actividade presencial coa entrada en vigor da modificación das medidas de prevención debido á situación epidemiolóxica de Galicia. Este mércores xa reabriu o MARCO e a Neira Vilas, mentres que o programa VigoCultura recupera o venres a actividade.

mércores, 17 feb 2021

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores da reapertura das instalacións culturais do Concello logo da entrada en vigor da orde da Consellería de Sanidade, publicada xa no Diario Oficial de Galicia (DOG), coa modificación das medidas de prevención “anticovid”.

Caballero indicou que o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) abriu xa hoxe con horarios de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:00 horas (de martes a sábado) e domingo en horario tan só de mañá (o luns pecha). Tal e como marca a normativa as visitas guiadas serán cun máximo de catro persoas (guía aparte) e o auditorio terá un aforo limitado ao 30% (34 persoas).

Ademais, este venres (20:00 horas) regresa a programación de VigoCultura coa representación da obra “Soga e Cinsa”, de Aporía Escénica, na que se aborda a caza de bruxas en Europa durante os séculos XV a XVII.

Pola súa banda, as Biblioteca Neira Vilas xa reabriu este mércores con horarios e servizos habituais e con prazas limitadas ao 30% de capacidade, mentres que a do Mar de Vigo abrirá mañá, tamén cos mesmos horarios e un terzo de aforo.

Por último, as Escolas Municipais de Música, Danza, Teatro, E-Trad e EMAO retomarán as súas clases presenciais o próximo luns, día 22. Unicamente quedan suspendidos cursos de Vento e Canto por prohibición expresa de Sanidade.