Escoitar

O goberno de Vigo reforzará a atención en benestar con oito traballadoras sociais máis

A Xunta de Goberno Local aprobou a bolsa de emprego para nomear a diplomados en Traballo Social como interinos. Hoxe venres, Abel Caballero avanzou que a próxima semana prevé sumar oito profesionais á xa contratada en novembro, un reforzo total de nove traballadoras sociais para afrontar o aumento de demanda dos servizos sociais pola pandemia.

venres, 12 feb 2021

O goberno dirixido por Caballero calcula que a próxima semana estará en disposición de nomear a oito novas traballadoras sociais procedentes da bolsa de emprego -que vén de ser aprobada este xoves pola Xunta de Goberno Local-, que se sumarán á profesional contratada desde novembro. O alcalde explicou que estas nove persoas adicionais elevarán ata corenta o número de traballadoras sociais, porque “a demanda de política social aumentou un 30% e temos que facer máis dotacións de persoal”.

O Concello regulou a bolsa de emprego en base a probas de concurso oposición, que concluíron cunha lista formada por dezanove diplomados e diplomadas en Traballo Social cos que poder contar, en función dos resultados dos procesos de selección, para reforzar ao persoal de Benestar Social. “Necesitamos traballadoras sociais que paga o Concello, é a política social que estamos desenvolvendo, a máis importante de España”, asegurou Caballero.

Zona azul

A nomeada sesión da Xunta de Goberno Local tamén acordou a caducidade do previo e a incoación dun expediente de liquidación da anterior concesión da Xestión de Estacionamentos Regulados (XER), coñecida como zona azul. Abel Caballero trasladou que o Concello está liquidando o contrato adxudicado polo goberno entón encabezado por Corina Porro o 23 de maio de 2007, catro días antes das eleccións municipais que avalaron a chegada de Abel Caballero á Alcaldía de Vigo.

En virtude do servizo prestado ata 2018 nunha adxudicación que foi anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a empresa presentou daquela unha proposta de liquidación de 4,5 millóns de euros. Pola contra, o Concello valora o importe a abonar en 172.511 euros, segundo cifrou Caballero, quen comunicou que nun prazo aproximado de dous meses estará resolto o expediente.

En todo caso, Abel Caballero preguntouse este venres quen se faría cargo dunha indemnización derivada da anulación xudicial dun contrato adxudicado días antes dunhas eleccións, e recordou que o proceso repetiuse coa concesión dos aparcamentos de Jenaro de la Fuente e da Avenida de Castelao, tamén validados pouco antes dos comicios municipais neste caso con resultado de indemnización municipal “multimillonaria” á empresa.