Escoitar

Caballero: “Antonio Romero foi un home cun excepcional sentido da xustiza, do honor e da honra”

O alcalde de Vigo transmitiu este xoves o seu pésame e o de toda a cidade á familia e amigos do maxistrado Antonio Romero, falecido nas últimas horas aos 90 anos. “Foi un home moi especial, cun excepcional sentido da xustiza, do honor e da honra”, destacou Caballero.

xoves, 11 feb 2021

“É un orgullo para a cidade que Antonio Romero fose de Vigo, porque foi un home tan especial, tan importante e excepcional con tanto sentido da xustiza, honor e honra, que o converten nunha personaxe dificilmente repetible”. Así se referiu este xoves o alcalde, Abel Caballero, a Antonio Romero Lorenzo, ex decano dos Xulgados de Vigo e ex maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Supremo, falecido o pasado martes aos 90 anos.

En rolda de prensa, o rexedor destacou “a súa vocación pola xustiza” e cualificou como “unha grande honra” darlle o título de Vigués Distinguido no ano 2013. “Pésame a súa familia e agarimo de toda a cidade, nós estamos tamén co sentimento da súa marcha, permanece na nosa memoria e segue con nós, sempre será vigués e Vigués Distinguido con todo o merecemento”, sinalou Caballero.

Oriundo de Santiago de Compostela, Antonio Romero licenciouse pola Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, ingresou na carreira xudicial en 1957, ascendendo á categoría de maxistrado en 1974. Tiña a Cruz de San Ramón de Peñafort e foi maxistrado tanta da sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como do Tribunal Supremo.

Desenvolveu unha longa traxectoria corno maxistrado decano de Vigo, sendo ao mesmo tempo profesor asociado na Universidade de Vigo, e profesor colaborador da Escola de Práctica Xurídica no Colexio de Avogados de Vigo.

A súa proposta como Vigués Distinguido foi presentada polo maxistrado decano dos Xulgados de Vigo, Germán Serrano, acompañado de numerosas sinaturas pertencentes á cidadáns vigueses relacionados co mundo do Dereito e a Administración de Xustiza.