Escoitar

Caballero acepta para Vigo o "modelo Valencia" que propón a hostalería para axudar ao sector

O alcalde insta á Xunta de Galicia a que envíe os recursos que corresponden á cidade para "levar adiante o modelo Valencia na súa totalidade", complementando os recursos cos do Concello e seguindo o criterio de distribución aplicado nesa comunidade autónoma.

luns, 18 xan 2021

Na rolda de prensa ofrecida este luns, Abel Caballero cifrou en "entre 25 e 30 millóns de euros" a cantidade que debe chegar a Vigo da Xunta de Galicia, considerando que, dos máis de 1.100 millóns que está recibindo dos fondos REACT-EU e dos fondos europeos para a crise do Covid, debe destinar 250 millóns ao sector hostaleiro ao que "ata agora dedicou cero euros".

O alcalde referiuse á proposta do sector hostaleiro ao goberno autonómico de aplicar en Galicia o "modelo valenciano" de axudas baseado nun acordo entre a comunidade autónoma, as deputacións e os concellos no que se establece a participación de cada unha das tres administracións, sendo o municipio o que distribúe as axudas. "Eu acepto ese modelo. Vigo acepta ese modelo. Que a Xunta de Galicia nos transfira a cantidade que asigna ao Concello, que poñerá o que corresponda, abrimos concurso, usamos as bases de Valencia e levámolo adiante. Repartiremos entre toda a hostalería. Por Vigo podemos empezar mañá".

Engadiu o rexedor olívico que o Concello segue aplicando medidas de axuda á hostalería como a ampliación das terrazas, a exención do pagamento de vados, lixo e auga e criticou que o goberno da Xunta non se teña posto en contacto co goberno municipal para realizar unha proposta en favor da hostalería, "unha competencia que lle corresponde". Así mesmo, avanzou que nuns días o goberno municipal presentará "un modelo de actuación en espazos públicos de hostalería cubertos para que o local e a atención sexa o mellor posible. E será cun compromiso de medio prazo".

Asesores Covid hostalería
Abel Caballero referiuse tamén este luns ao programa de asesores Covid para a hostalería que desenvolve o Concello na cidade cun custo de 75.000 euros. Desde a súa entrada en funcionamento, os 15 asesores Covid visitaron 672 establecementos e realizaron 250 visitas anónimas de control, detectando "moi boa colaboración en xeral".

Na valoración desas visitas destaca que 545 establecementos, máis do 80% dos visitados, se atopan no nivel bo ou moi bo de cumprimento da normativa Covid, atendendo á clientela con respecto aos criterios sanitarios criterio Covid; o 94% cumpren a normativa no nivel de regular e soamente un 6% cumpre mal, polo que a "valoración é moi positiva".

Segundo explicou o rexedor, o nivel de incumprimento máis significativo detéctase na falta de carteis informativos, que non están nun lugar visible ou están desactualizados, non sinalando ben o aforo, de maneira que non se informa suficientemente malia cumpriren a normativa.