Escoitar

O Concello convoca para o 6 de febreiro a primeira proba das oposicións a bombeiro

Citados no Ifevi, o BOP publica este venres a data -a expensas dos protocolos Covid, segundo anotou o alcalde- e as listas provisionais de candidatos. 419 persoas solicitaron optar a unha das doce vacantes de acceso libre, ás que se engaden outras tres de promoción interna e catro prazas máis de condutor-bombeiro.

venres, 15 xan 2021

O goberno de Vigo avanza no proceso de selección dos futuros efectivos que reforzarán o corpo de Bombeiros da cidade. O Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) publica na súa edición deste venres a lista provisional, composición do órgano selectivo, lugar e data da primeira proba para cubrir as doce prazas de bombeiro de quenda libre correspondentes ás ofertas de emprego público do Concello dos anos 2017, 2018 e 2019.

En rolda de prensa, Abel Caballero informou da presentación de 419 solicitudes, das que 19 son de mulleres. O alcalde recordou que, por primeira vez, os requisitos das probas físicas de acceso foron adaptados para facilitar a súa incorporación. O Boletín recolle ademais que 38 das candidaturas están excluídas de forma provisional, xa que se abre un prazo de dez días hábiles para corrixir erros.

O Concello cita aos opositores o próximo 6 de febreiro ás 17 horas no recinto feiral de Cotogrande, unha convocatoria xa formalizada mais, aclarou o alcalde, condicionada pola pandemia e a validación dos pertinentes protocolos Covid.

As vacantes forman parte da Oferta de Emprego Público aprobada polo Concello de Vigo correspondente aos anos 2017, 2018 e 2019, na que o goberno dirixido por Caballero primou o reforzo das áreas de seguridade, con 62 prazas para a Policía Local e outras 24 para Bombeiros na súa primeira fase. A quenda libre conta con 46 postos para a Policía Local, 12 para bombeiro e outros catro máis para condutor-bombeiro. No relativo ás oposicións do ano 2020, estas tamén foron aprobadas polo goberno de Vigo e inclúen 85 empregos en total, segundo recordou Abel Caballero.